Introdución
O nivel técnico e interpretativo do alumnado nos dous últimos cursos do grao profesional permítelle traballar cun repertorio de obras cunhas dimensións formais, unha complexidade harmónica, polifónica e de elaboración temática, e unha variedade estilística e estética que fan necesario afondar no coñecemento dos principais elementos e do procedemento da linguaxe musical e a súa relación coas técnicas compositivas, co fin de avanzar cada vez máis nunha comprensión das devanditas obras sen que sexa imprescindible desenvolver a destreza nas técnicas de escritura. Este avance pódese realizar a través da análise, como ferramenta imprescindible para calquera que sexa o futuro profesional do estudante.
A disciplina de análise pretende subministrar o coñecemento teórico dos principais elementos e procedementos compositivos, e tamén o dunha serie de factores de tipo histórico, indisociables do feito musical como fenómeno cultural. E, sobre todo, pretende proporcionar unha serie de ferramentas metodolóxicas que permitan afrontar a análise desde todos os puntos de vista que poidan ser relevantes.
Toda obra de arte musical está composta a partir dunha serie de elementos morfolóxicos e procedementos sintácticos. Esa similitude coa linguaxe permite que á música se lle poidan aplicar os criterios da lingüística que supoñen unha vía fecunda cara ao coñecemento. Os criterios de sincronía (definindo a mutua relación dos elementos da obra) e diacronía (a evolución destes no tempo) son, quizais, os que máis axeitadamente se adaptan á análise musical. É importante a valoración de toda obra musical como pertencente a un estilo ou a un autor e a unha época, que só adquiren a súa exacta dimensión cando se relacionan intimamente cos estilos ou as épocas anteriores e posteriores.
A análise está concibida como materia común para todas as especialidades nos dous últimos cursos do grao profesional aínda que, pola súa propia esencia, se trata dun ensino que debe estar presente ininterrompidamente desde o inicio dos seus estudos musicais. Naturalmente, nun nivel básico ou elemental, o grao de complexidade da análise que o profesor ou a profesora leven a cabo terá que gardar a proporción necesaria cos coñecementos que posúa o alumnado, centrando a atención no recoñecemento dos elementos temáticos, fraseolóxicos, etc., e que a súa comprensión sexa indispensable para interpretar correctamente as obras, evitando tecnicismos que poidan resultar incomprensibles. En quinto e sexto do grao profesional, o alumnado posúe xa os coñecementos necesarios para afondar nunha materia tan incuestionable.
Os contidos do ensino da análise abranguen, xa que logo, todos os conceptos referidos aos elementos integrantes da nosa linguaxe musical (sen descartar referencias a músicas non occidentais, dada a utilidade da comparación entre elementos afíns con traxectorias culturais diferentes), cun coñecemento teórico básico da música que vai desde o canto gregoriano ata a actualidade, e con carácter procedemental, tamén a análise de obras dos períodos da práctica tonal (Barroco, Clasicismo e Romanticismo), co fin de poder observar con gran perspectiva o contexto diacrónico. Para iso, a análise deberase centrar no estudo dun número de obras representativas dos períodos e dos estilos que, traballadas tan profundamente como sexa posible, deberán achegar unha ampla visión das técnicas musicais occidentais, así como os criterios metodolóxicos que se poderán aplicar á análise doutras obras.
Pola súa parte, os procedementos diríxense á asimilación teórica dunha serie de coñecementos técnicos ou estilísticos que se deberán recoñecer nas obras musicais mediante a análise de partituras e mediante a identificación auditiva dos elementos e dos procedementos estudados, así como unha práctica instrumental básica destes que conduza á súa interiorización.
Obxectivos
O ensino da análise no grao profesional terá como obxectivo o desenvolvemento das capacidades seguintes:
- Coñecer os principais e máis básicos elementos e procedementos compositivos das épocas e dos autores, desde o canto gregoriano ata a actualidade, con especial incidencia nos estilos da práctica tonal: Barroco, Clasicismo e Romanticismo.
- Analizar obras dos estilos da práctica tonal (Barroco, Clasicismo e Romanticismo) atendendo aos parámetros que as compoñen: macroestruturas e microestruturas, proporcións, tonalidade, harmonía (cadencias, acordes e procedementos modulatorios), temática e motívica, textura, ritmo, dinámica, agóxica, tímbrica, articulación, etc.
- Sinalar na obra as características dos parámetros que a compoñen conferíndolle unha estética propia do estilo a que pertence, e comprender a interrelación dos procedementos compositivos de cada época cos tipos de obras que derivan deles.
- Escoitar internamente os tipos de acordes e as fórmulas harmónicas máis características das obras analizadas.
- Tocar esquematicamente nun instrumento polifónico as fórmulas harmónicas máis características das obras analizadas.
Contidos
- Coñecemento básico dos principais e dos máis básicos elementos e procedementos compositivos das épocas e dos autores, desde o canto gregoriano ata a actualidade (incluíndo referencias á música non occidental).
- Estudo a través da análise dos compoñentes da linguaxe musical (macroestruturas e microestruturas, proporcións, tonalidade, harmonía -cadencias, acordes e procedementos modulatorios-, temática e motívica, textura, ritmo, dinámica, agóxica, tímbrica, articulación, etc.), a partir de obras de diversas épocas e autores, dos estilos da práctica tonal: Barroco, Clasicismo e Romanticismo.
- Práctica auditiva e instrumental dos acordes e das fórmulas harmónicas máis características das épocas da práctica tonal, que conduza á súa interiorización.
Criterios de avaliación
1) Identificar mediante a análise de obras os compoñentes da linguaxe musical das épocas da historia da música occidental. Con este criterio poderase avaliar a habilidade do alumnado no recoñecemento dos elementos estudados e a comprensión desde o punto de vista do estilo considerado sincronicamente e diacronicamente.
2) Sinalar os elementos da linguaxe musical que lle confiren á obra analizada un determinado estilo. Mediante este criterio preténdese avaliar a habilidade do alumnado para recoñecer os procedementos compositivos pertencentes a unha época, a un estilo ou a un autor, avaliar o seu papel funcional e comprendelos desde o punto de vista do estilo.
3) Expor, con base na análise de obras das épocas da linguaxe musical occidental, os elementos, os procedementos e os niveis estruturais que configuran a forma a grande escala e a súa relación coas estruturas máis pequenas. Preténdese avaliar a habilidade do alumnado para recoñecer os criterios seguidos polo autor ou a autora na elaboración da forma global da obra (criterios de proporción, coherencia, contraste, etc.), comprender a relación dos devanditos criterios cos elementos que configuran a forma a pequena escala, e determinar os niveis estruturais establecendo o papel que os elementos e os procedementos xogan dentro deles.
4) Identificar auditivamente os elementos e os procedementos que configuran a forma a pequena escala e a grande escala. Mediante este criterio poderase avaliar o progreso da capacidade auditiva do alumnado, a través da identificación dos elementos e dos procedementos estudados.