Armonía Clásica

Introdución

A linguaxe musical occidental inclúe unha multiplicidade de elementos que, aínda que distintos no conceptual e, por tanto, divisibles analiticamente, percibimos dun xeito unitario nun contexto musical. A harmonía ocúpase, por unha banda e dentro dunha consideración morfolóxica, do que se produce nun mesmo instante temporal, e por outra parte, dentro do sintáctico, da súa relación co que a antecede e co que a segue: a súa función no contexto de que forma parte.

O sistema tonal -que pode ser cualificado como unha das maiores e máis prolíficas invencións do xénero humano- pode chegar a ser, polas consecuencias derivadas da simplificación que supón, un forte condicionamento para a audición pura de músicas non compostas consonte os seus postulados e a súa mecánica. O coñecemento das súas peculiaridades é, nas mans de quen coñece a fondo todas as cuestións relativas á súa formación e disolución, unha poderosa ferramenta para desenvolver unha escoita intelixente e consciente que permita valorar, na súa xusta medida, tanto a música composta segundo os seus principios como a que non se axusta a eles.

Correspóndelle ao ensino da harmonía a achega do coñecemento profundo do devandito sistema, así como a mecánica do funcionamento dos elementos que o compoñen.

Por ser a harmonía a continuación da linguaxe musical, é lóxico que os seus aspectos teóricos máis básicos estean xa incluídos nos estudos desta materia didáctica. Por outra banda, a práctica da entoación e o repertorio do instrumento estudado, así como a asistencia do alumnado ás actividades musicais propias do seu contorno social, sitúano, sen dúbida, en contacto cunha práctica e un repertorio baseados no predominio case absoluto de músicas compostas consonte o sistema tonal, prioritario na súa educación e na súa formación nesta etapa dos estudos musicais.

Partindo deste suposto, o ensino da harmonía deberá ir paso a paso descubríndolle ao alumnado o que xa sabe sen saber que o sabe; actuará de xeito similar á gramática da propia lingua: non ensinando a falar senón a comprender como se fala.

Nas ensinanzas profesionais de música o ensino da harmonía estará centrado, basicamente, no estudo do devandito sistema tonal, pero sempre considerado baixo un dobre prisma sincrónico-diacrónico: por unha banda, considerando que o sistema tonal posúe unhas estruturas pechadas en si mesmas, que precisamente son estudables e analizables pola permanencia que leva consigo o feito de que as devanditas estruturas estean estreitamente conectadas a un estilo perfectamente definido; por outra banda, non se pode perder de vista no estudo da harmonía que cada estilo ocupa o seu lugar no devir diacrónico da linguaxe musical de occidente, e que nos seus elementos morfolóxicos e na súa sintaxe están presentes elementos e procedementos de seu propio pasado e, en forma latente, as consecuencias da súa propia evolución.

Á parte disto, o coñecemento detallado e profundo do sistema tonal irá permitindo, de xeito progresivo, ampliar a progresión de determinadas ensinanzas, como a historia da música, coas cales a harmonía deberá irmandarse, co fin de procurar a desexable complementariedade en canto á adquisición de coñecementos.

Os contidos da materia responden a unha ordenación lóxica e progresiva dos elementos e dos procedementos postos en xogo no sistema tonal. Nos conceptos correspondentes a cada un dos elementos estudados non só deberá prestarse atención ao aspecto mecánico do seu emprego -criterio sincrónico-, senón que cumprirá unha valoración diacrónica en que se dean cita consideracións históricas e estilísticas. Esta valoración levarase a cabo fundamentalmente por medio da análise, que é unha materia importantísima para traballar durante este período de estudos.

Con respecto aos procedementos, terase en conta que o alumnado aprende ao longo destes estudos o concernente aos aspectos morfolóxico e sintáctico da harmonía tonal. Co fin de facilitar a súa aprendizaxe e avaliar o seu aproveitamento, desenvólvense unha serie de criterios que orientan a disciplina desde un tratamento esencialmente vertical, case homofónico, da realización da harmonía, co fin de que os elementos e os procedementos morfolóxicos e sintácticos que constitúen a súa dobre dimensión sexan comprendidos na súa formulación máis esquemática, ata o emprego de técnicas de escritura máis relacionadas coa realidade musical.

Así mesmo fomentarase, xa desde o comezo do estudo desta materia, a propia capacidade creativa do alumnado e non só no relativo á composición íntegra de exercicios dentro dos supostos estilísticos estudados, senón mesmo no referente a pequenas pezas libres, vocais ou instrumentais a través das cales desenvolva a súa espontaneidade creativa e aprenda gradualmente a resolver os problemas -referentes tanto á harmonía como á forma, á textura, aos contrastes de todo tipo, etc.-que o feito musical vai xerando no seu crecemento.

Obxectivos

As ensinanzas da harmonía dos estudos profesionais de música terán como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as seguintes capacidades:

  1. Coñecer os elementos básicos da harmonía tonal e as súas características, funcións e transformacións nos contextos históricos.
  2. Empregar en traballos escritos os elementos e os procedementos estudados da harmonía tonal.
  3. Desenvolver o oído interno na análise e na realización de exercicios escritos.
  4. Identificar a través da audición os acordes e os procedementos estudados da harmonía tonal.
  5. Identificar a través da análise de obras os acordes, os procedementos máis comúns da harmonía tonal e as transformacións temáticas.
  6. Comprender a interrelación dos procesos harmónicos coa forma musical.
  7. Aprender a valorar a calidade da música.
  8. Ter actitude crítica ante a escasa calidade harmónica que puidese presentarse tanto en músicas propias ou alleas como en harmonizacións xeradas por medios electrónicos de xeito automático.
  9. Tocar esquemas básicos no piano.
  10. Ser capaz de tocar os traballos realizados no piano.

Contidos

  • O acorde.
  • Consonancia e disonancia.
  • Estado fundamental e inversións dos acordes tríades e de sétima sobre todos os graos da escala e dos acordes de novena de dominante.
  • Enlace de acordes.
  • Tonalidade e funcións tonais.
  • Elementos e procedementos de orixe modal presentes no sistema tonal.
  • O ritmo harmónico.
  • Cadencias perfecta, imperfecta, plagal e rota.
  • Procesos cadenciais.
  • Modulación: diatónica e cromática, por cambio de función tonal, cambios de ton e modo, etc.
  • Flexións introtonais.
  • Progresións unitonais e modulantes.
  • Series de sextas e sétimas.
  • Emprego dos elementos e procedementos anteriores na realización de traballos escritos.
  • Práctica auditiva e instrumental que conduza á interiorización dos elementos e dos procedementos aprendidos.
  • Análise de obras para relacionar os devanditos elementos e procedementos, así como as transformacións temáticas dos materiais empregados co seu contexto estilístico e a forma musical.

Criterios de avaliación

1) Realizar exercicios a partir dun baixo cifrado dado. Con este criterio de avaliación trátase de comprobar o dominio do alumnado no referente á mecánica de encadeamento de acordes e a súa aplicación a unha realización coidada e interesante desde o punto de vista musical.

2) Realizar exercicios de harmonización a partir de tiples dados. Con este criterio avaliarase a capacidade para empregar cun sentido sintáctico os acordes e procedementos harmónicos por medio dunha realización coidada e interesante, con especial atención á voz do baixo.

3) Realizar exercicios de harmonización a partir de baixos sen cifrar dados. Este criterio permite avaliar a capacidade do alumnado para empregar cun sentido sintáctico os acordes e procedementos harmónicos, así como a súa habilidade para a consecución dunha realización correcta e interesante desde o punto de vista musical, con especial atención á voz de soprano.

4) Compor exercicios breves a partir dun esquema harmónico dado ou propio. Este criterio de avaliación permitirá valorar a capacidade do alumnado para crear na súa integridade pequenas pezas musicais a partir das indicacións harmónicas esquemáticas ou dos procedementos que se lle propoñan, así como a súa habilidade para acadar unha realización lóxica, coidada e interesante, con especial atención ás voces extremas.

5) Identificar auditivamente os principais elementos morfolóxicos da harmonía tonal. Mediante este criterio poderá avaliarse o progreso da habilidade auditiva do alumnado a través da identificación dos tipos de acordes estudados, en estado fundamental e nas súas inversións.

6) Identificar auditivamente os principais procedementos sintácticos da harmonía tonal. Este criterio de avaliación permitirá valorar o progreso da habilidade auditiva do alumnado no recoñecemento do papel funcional xogado polos acordes dentro dos elementos formais básicos (cadencias, progresións, etc.).

7) Identificar auditivamente estruturas formais concretas. Mediante este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado para identificar a forma en que está construída unha obra, así como para comprender a estreita relación entre a devandita forma e os procedementos harmónicos empregados.

8) Identificar, mediante a análise de obras, os elementos morfolóxicos da harmonía tonal. Con este criterio poderase valorar a habilidade do alumnado no recoñecemento dos acordes estudados e a súa comprensión desde o punto de vista estilístico.

9) Identificar, mediante a análise de obras, os procedementos sintácticos e formais da harmonía tonal. Mediante este criterio será posible avaliar a habilidade do alumnado para recoñecer os procedementos harmónicos estudados e os elementos formais básicos, o seu papel funcional e a súa comprensión desde o punto de vista estilístico.

10) Identificar, mediante a análise de obras, os procedementos de transformación temática. Mediante este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado para recoñecer as transformacións temáticas dos materiais que interveñen nunha obra e a súa relación co contexto harmónico e estilístico.

11) Identificar auditivamente erros en exercicios preparados con esta finalidade, e propor solucións. Preténdese avaliar a habilidade do alumnado para detectar por medio da audición os defectos que poidan aparecer nun fragmento de música, así como a súa capacidade para propor alternativas adecuadas.

12) Identificar, mediante a análise, erros en exercicios preparados con esta finalidade, e propor solucións. Isto permitirá valorar a habilidade do alumnado para detectar por medio da análise os defectos que poidan aparecer nun fragmento de música, así como a súa capacidade para propor solucións axeitadas.

13) Improvisar no piano, a partir de esquemas propostos, os encadeamentos de acordes e procedementos da harmonía tonal estudados, dentro dun carácter basicamente homofónico. Con este criterio poderase valorar tanto a capacidade do alumnado para improvisar os encadeamentos e os procesos harmónicos básicos en todas as tonalidades como o grao de interiorización destes.

14) Tocar no piano os traballos realizados. A través deste criterio trátase de comprobar se o alumnado é quen de empregar un instrumento polifónico como medio de aprendizaxe para constatar sonoramente o escrito e interiorizar o efecto que producen as sucesións harmónicas realizadas.