Introdución
A práctica da música de cámara durante o período de estudos correspondente ás ensinanzas profesionais de música responde a un conxunto de necesidades do alumnado de música que dificilmente poden ser atendidas se non é a través desta actividade.
A actividade camerística supón o vehículo fundamental para integrar e poñer en práctica unha serie de aspectos técnicos e musicais cuxo aprendizaxe a través dos estudos instrumentais e teóricos posúe forzosamente un carácter analítico que debe ser obxecto dunha síntese ulterior a través da práctica interpretativa.
A práctica da música de cámara cumpre unha función decisiva no desenvolvemento do oído musical en todos os seus aspectos. O repertorio camerístico constitúe o medio idóneo para que o alumno e a alumna desenvolvan o sentido da afinación, desenvolvemento que non pode deixar de ser intuitivo e mimético, que se resiste a ser ensinado ou transmitido por métodos racionais e que require unha longa praxe musical, preferentemente en conxunto.
Unha das características fundamentais da práctica camerística é a ausencia de director ou directora. Iso obriga a desenvolver as competencias necesarias de comunicación visual e xestual entre os membros do grupo, aprender a valorar a importancia da respiración conxunta, establecer criterios comúns de interpretación e, en definitiva, favorecer o desenvolvemento dunha nova dimensión da interpretación baseada na codirección.
Así mesmo, o exercicio da música de cámara estimula a capacidade -imprescindible para todo músico- para escoitar os outros instrumentos mentres se toca o propio e para desenvolver o sentido de «sonoridade do conxunto».
A interacción entre diversos instrumentistas, ou entre a voz e o piano no caso da especialidade de canto, colabora igualmente ao desenvolvemento da sensibilidade en materia de dinámica, fraseo, ritmo e vibrato: en canto á «dinámica», por exixir unha sensibilización con respecto á audición de planos sonoros e á percepción da función desempeñada en cada momento por cada un dos instrumentos (solística, acompañante, contrapuntística, harmónica, etc.); en canto ao «fraseo», porque colabora a desenvolver o sentido do diálogo e a mímese musical; en canto «ritmo», porque a música de conxunto exixe por si mesma unha precisión e compenetración rítmica que faga posible a simultaneidade e o axuste entre os diversos instrumentos, á vez que propicia o desenvolvemento da comunicación a través do xesto, e de calquera outra forma non verbal, entre os instrumentistas (entradas, definición do tempo, rubato e outras modificacións do tempo, cortes finais, respiracións, etc.); en canto ao «vibrato», no sentido de que a práctica camerística obriga a homoxeneizar e simultanear o período, velocidade e amplitude dos diversos vibratos.
A música de cámara obriga os músicos que a practican a desenvolver determinados hábitos de autodisciplina e método extremadamente beneficiosos, tales como a homoxeneización da articulación, a planificación dos golpes de arco nos instrumentos de corda ou das respiracións nos de vento, etc., á vez que permite o contraste do instrumento propio con outros de diferente natureza.
Desde un punto de vista musical, a práctica camerística é imprescindible para a maduración dun músico no terreo da expresividade e a emotividade, posto que supón un campo idóneo para que a capacidade afectiva do futuro músico xurda na súa interpretación, feito que debe ser propiciado canto antes.
Pola súa vez, o intercambio de ideas e a confrontación entre diversos puntos de vista interpretativos resulta sumamente formativa e estimulante para un instrumentista en período de formación, colabora ao desenvolvemento da capacidade analítica e fomenta a que a interpretación responda a unha idea musical e transcenda o nivel de mera lectura.
Asemade, a práctica e o coñecemento do repertorio de cámara supón un paso decisivo no coñecemento do repertorio do instrumento e da evolución estilística dos diferentes períodos da historia da música.
En suma, o cultivo da música de cámara resulta absolutamente complementaria da formación instrumental, permitindo a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos na clase de instrumento, dentro dunha actividade que, por mor do seu carácter lúdico, permite a práctica musical en condicións ideais de espontaneidade e distensión.
Obxectivos
As ensinanzas de música de cámara dos estudos profesionais de música terán como obxectivos contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:
- Valorar a música de cámara como un aspecto fundamental da formación musical e instrumental.
- Aplicar en todo momento a audición polifónica para escoitar simultaneamente as diferentes partes ao mesmo tempo que se executa a propia.
- Utilizar unha ampla e variada gama sonora de maneira que o axuste de son se realice en función dos demais instrumentos do conxunto e das necesidades estilísticas e interpretativas da obra.
- Coñecer e realizar os xestos básicos que permitan a interpretación coordinada sen director ou directora.
Contidos
- A unidade sonora: respiración, ataque, vibrato, golpes de arco, afinación, articulación, ritmo e fraseo.
- Agóxica e dinámica.
- Estudo e práctica dos xestos anacrúsicos necesarios para tocar sen director.
- Equilibrio sonoro e de planos.
- Análise e interpretación de obras básicas do repertorio que inclúan diferentes estilos.
- Conxunto de instrumentos monódicos.
- Cuarteto de corda: igualdade de son nos distintos ataques do arco, vibrato, afinación, etc., distribución do arco para o fraseo.
- Quinteto de vento: igualdade nos ataques, articulación, fraseo, etcétera. Respiración, afinación e vibrato.
- Conxunto de metais: práctica camerística en formacións diversas.
- Cámara con piano: equilibrio nos ataques dentro da diversidade de respostas.
- Voz e piano: acompañamento ao canto.
- Equilibrio de cordas, vento e piano. Articulación, afinación, fraseo, etc.
- Estudo de obras de cámara con clavecín ou instrumento polifónico obrigado.
- Aplicación dos coñecementos de baixo continuo ao acompañamento de un ou varios solistas.
- Audicións comparadas de grandes intérpretes para analizar de xeito crítico as características das súas diferentes versións.
Criterios de avaliación
1) Interpretar obras de distintas épocas e estilos dentro da agrupación correspondente. Con este criterio preténdese avaliar a capacidade de unificación do criterio interpretativo entre todos os compoñentes do grupo e o equilibrio sonoro entre as partes.
2) Actuar como responsable do grupo dirixindo a interpretación colectiva mentres realiza a súa propia parte. Mediante este criterio preténdese verificar que o alumnado ten un coñecemento global da partitura e sabe utilizar os xestos necesarios da concertación. Así mesmo, pódense valorar os seus criterios sobre a unificación do son, timbre, vibrato, afinación e fraseo.
3) Ler a primeira vista unha obra de pequena dificultade na agrupación que corresponda. Este criterio pretende constatar a capacidade do alumnado para desenvolverse con autonomía na lectura dun texto, o seu grao de fluidez e comprensión da obra.
4) Estudar na casa as obras correspondentes ao repertorio programado. Mediante este criterio preténdese avaliar o sentido da responsabilidade como membro dun grupo, a valoración que ten do seu papel dentro del e o respecto pola interpretación musical.
Interpretación pública de obras de estilos e épocas diversas.
Este criterio constata a unificación do fraseo, a precisión rítmica, o equilibrio sonoro, a preparación de cambios dinámicos e de acentuación, así como a adecuación interpretativa ao carácter e ao estilo da música interpretada.
5) Interpretación pública dunha obra contemporánea con formación instrumental heteroxénea. Mediante este criterio preténdese comprobar o grao de comprensión da linguaxe contemporánea, o coñecemento de efectos e grafías, así como o equilibrio sonoro dentro dun conxunto de instrumentos de morfoloxías diversas e pouco habituais.