Conjunto

Introdución

O conxunto instrumental constitúe un espazo de formación de primeira orde para experimentador e aplicar, ademais das habilitades adquiridas na clase de instrumento da especialidade, os coñecementos adquiridos en todas as materias. Desde este punto de vista, o conxunto tamén poderá permitir percorrer o repertorio para diversas formacións, de diferentes épocas ou estilos, co que se amosa unha vez máis que os obxectivos dunhas materias e das outras deben coordinarse desde unha perspectiva común.

O proceso de ensino e aprendizaxe das especialidades instrumentais ten un forzoso carácter individual. Por iso, o currículo que agora se presenta alberga, como unha nova materia dun colectivo de estudantes, a materia de conxunto, que terá por finalidade, en esencia, a actividade de grupo, como no caso da orquestra, da banda ou de coro, todas dirixidas ao proceso de obtención de novos coñecementos e a súa aplicación na práctica social e representativa do centro en que se realicen os estudos.

Neste desenvolvemento normativo considerouse conveniente reforzar as actividades de grupo e aumentar a súa presenza nos centros. A incorporación de novas especialidades instrumentais, cuxas literaturas amosan amplos repertorios de conxunto específicos, sinala a idoneidade de incluír a materia de conxunto como unha materia máis no marco das ensinanzas profesionais de música. Por outra banda, razóns de índole organizativa dos centros sinalan a conveniencia de ampliar esta nova materia de grupo a prol da participación de todos os estudantes de calquera especialidade instrumental cursada.

A educación musical non pode nin debe perseguir como única meta a formación de solistas. O carácter propedéutico das ensinanzas profesionais de música leva consigo a incorporación do alumnado ás agrupacións que se configuren no seus centros co fin de propiciar un marco amplo de experiencias que lle permita ao alumnado dirixirse cara á formación musical que máis se adapte ás súas calidades, aos seus coñecementos e aos seus intereses.

A práctica indistinta de grupo na orquestra, na banda, no coro e, de ser o caso, no conxunto que corresponda ten por finalidade facilitar a participación, a través de distintas formacións, de todo o alumnado ao procurarse unha organización máis flexible do ensino. Por unha banda, esta participación en agrupacións ha permitir que determinados instrumentos con dificultades de integración teñan o marco axeitado para a práctica instrumental colectiva; por outra parte, supón e garantía da presenza activa do alumnado nunha das actividades que, xunto co coro, a orquestra ou a banda, implican maior proxección do centro na sociedade.

As tradicionais asociacións de instrumentos dará paso a un repertorio que alberga un complexo entrabado de interrelacións instrumentais sen perder a unidade de criterio e a igualdade da execución, que teñen que ser as principais metas para lograr. O alumnado, como noutras agrupacións, deberá incrementar a actitude de escoita de todo aquilo que rodea a propia execución unipersoal en prol de alcanzar aspectos inherentes a toda boa interpretación na agrupación (afinación, empaste, homoxeneidade no fraseo, igualdade no ataque, claridade nas texturas, etc.), adquirindo progresivamente unha serie de habilidades e hábitos acordes co seu papel no grupo que estará condicionado ao repertorio do seu instrumento.

En síntese, igual que sucede na orquestra, na banda e no coro, o conxunto ha propiciar a responsabilidade compartida. Por unha parte, as relacións humanas entre o alumnado, afeito á práctica instrumental individual, levarán consigo, como membros dun corpo colectivo, todo un exercicio de adaptación ao grupo e de aceptación doutros instrumentistas. Por outra banda, a práctica en grupo motivará a actitude de escoita, propiciará a memoria de paisaxes instrumentais e fomentará o estudo individual, que reverterá no grupo e incentivará unha actitude de disciplina dificilmente abordable en actividades individuais.

Obxectivos

As ensinanzas de conxunto dos estudos profesionais de música terán como obxectivos contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

  1. Afondar no coñecemento dos estilos e dos recursos interpretativos de cada un deles.
  2. Dominar o propio instrumento de acordo coas exixencias de cada obra.
  3. Respectar as normas que exixe toda actuación en grupo e valorar a interpretación en conxunto como un aspecto fundamental da formación musical.
  4. Aplicar a audición polifónica para escoitar simultaneamente as partes ao mesmo tempo que se executa a propia, demostrando sensibilidade auditiva necesaria para perfeccionar gradualmente a calidade sonora.
  5. Utilizar unha ampla e variada gama sonora, de xeito que o axuste do son se realice en función dos demais instrumentos do conxunto e das necesidades interpretativas da obra.
  6. Adquirir e aplicar progresivamente ferramentas e competencias para o desenvolvemento da memoria.
  7. Desenvolver a capacidade de lectura a primeira vista.
  8. Aplicar con autonomía progresivamente maior os coñecementos musicais para a improvisación co instrumento.
  9. Coñecer e realizar os xestos básicos que permitan a interpretación coordinada.
  10. Interpretar obras representativas do repertorio do conxunto instrumental de dificultade axeitada ao nivel.

Contidos

  • A unidade sonora: respiración, ataque, vibrato, afinación, articulación, ritmo, fraseo, etc.
  • Agóxico e dinámico.
  • Estudo e práctica dos xestos anacrúsicos para tocar sen dirección.
  • Equilibrio sonoro e de planos.
  • Control permanente da afinación.
  • Desenvolvemento da igualdade de ataques.
  • Análise e interpretación de obras do repertorio.
  • Práctica de conxunto da agrupación correspondente.
  • Traballo gradual do repertorio básico máis salientable da agrupación correspondente.
  • Valoración do sistema como marco da interpretación.
  • Audicións comparadas de interpretacións de conxuntos, para analizar de maneira crítica as características das versións.

Criterios de avaliación

1) Interpretar obras do repertorio propio da agrupación correspondente. Con este criterio preténdese avaliar a capacidade de unificación de criterio interpretativo entre todos os compoñentes do grupo, e do equilibrio sonoro entre as partes.

2) Actuar como responsable do grupo, dirixindo a interpretación colectiva mentres realiza a súa propia parte, se procede. Mediante este criterio preténdese verificar se o alumnado ten un coñecemento global da partitura e sabe utilizar os xestos necesarios da concertación. Ademais, pódense valorar o seus criterios sobre unificación do son, timbre, vibrato, afinación, fraseo, etc.

3) Ler a primeira vista unha obra de pequena dificultade na agrupación que corresponda. Este criterio pretende comprobar a capacidade do alumnado para desenvolverse con autonomía na lectura dun texto, así como o seu grao de fluidez na lectura e comprensión da obra.

4) Estudar as obras correspondentes ao repertorio programado. Mediante este criterio preténdese avaliar o sentido da responsabilidade como membro dun grupo, a valoración que ten o seu papel dentro deste e o respecto pola interpretación musical.

5) Interpretar en público obras do repertorio para conxunto. Este criterio serve para comprobar a unificación do fraseo, a precisión rítmica, o equilibrio sonoro, a preparación de cambios dinámicos e de acentuación, así como a adecuación interpretativa ao carácter e ao estilo da música interpretada.