Introdución
O coro, polas súas características intrínsecas, é un espazo de formación de primeira orde non só para aprender a técnica vocal, senón tamén para reforzar os coñecementos adquiridos noutras materias. Desde este modo de ver, o coro tamén permitirá contribuír a facer un percorrido polas épocas e os estilos, co que se amosa unha vez máis que os obxectivos dunhas materias e das outras deben coordinarse desde unha perspectiva común.
A propia práctica interpretativa, tal e como esta se decantou definitivamente a partir das innovacións levadas a cabo no período romántico, opera unha distinción fundamental entre os instrumentos, segundo estes puidesen ou non inserirse na estrutura e nas necesidades cotiás dunha orquestra sinfónica. Como regra xeral, pódese afirmar que os instrumentos homofónicos forman parte desta, en canto que son os polifónicos, precisamente pola súa propia condición, os que permanecen á marxe desta, igual que, por motivos ben diferentes, os chamados instrumentos históricos, en desuso xa antes do nacemento da orquestra tal e como hoxe a concibimos.
Se o currículo de ensinanzas profesionais de música acolle a materia de orquestra ou, de ser o caso, de banda ou de conxunto, para o primeiro tipo de instrumentos citados, resulta tamén obrigada a inclusión dunha materia que opere de igual maneira na formación do alumnado. Neste sentido, imponse tamén unha materia que incorpore, por un lado, un matiz de colectividade e, por outro, unha relativización do papel que xoga o intérprete na consecución dos resultados finais.
Dada a autosuficiencia dos instrumentos polifónicos, a práctica coral halles proporcionar aos instrumentistas unha perspectiva nova. Así, o hábito de interpretar varias voces a un tempo pode redundar nunha perda da capacidade para cantar, para dicir coa máxima concentración musical unha única voz. «Para tocar ben cómpre cantar ben», di un antigo proverbio italiano. O instrumentista, por así dicilo, afástase da polifonía e retorna á orixe, á monodia e á primeira canle expresiva posible: a voz humana. Vaina utilizar con maior naturalidade e flexibilidade que o seu propio instrumento, e vai afrontar a interpretación dunha melodía (ou unha voz do tecido polifónico) cunha musicalidade e unha intuición cantable con frecuencia entorpecidas pola complexa técnica do seu instrumento.
Xa que logo, cantar converterase nun modelo e nunha vía alternativa de aproximación á música, desligada da lenta e complexa aprendizaxe dunha técnica. Os alumnos e as alumnas sentirán como as barreiras que parecían interporse entre o seus corpos e os seus instrumentos desaparecen, e como a música xorde con espontaneidade e de inmediato. É o seu propio corpo quen a produce desde o seu interior, e que, pola súa vez, actúa como executante e como caixa de resonancia. É o corpo quen se transforma en música, experiencia que sen dúbida enriquecerá o alumnado e modificará substancialmente a perspectiva da súa aproximación ao instrumento.
Por outra banda, igual que sucede coas materias de orquestra, de banda e de conxunto, a actividade coral ha servir tamén para evitar o illamento do instrumentista dentro dun repertorio, unhas dificultades e un modus operandi de carácter fortemente individual. A cambio, o alumnado sentirase partícipe dunha interpretación colectiva, na cal a afinación (case sempre fixa nos instrumentos polifónicos, que non requiren da participación do intérprete para conseguila), o empaste, a homoxeneidade no fraseo e a claridade das texturas serán algúns dos obxectivos para acadar. A actitude de escoita e de adecuación da súa voz á dos seus compañeiros de rexistro, por unha banda, e á suma de todo o conxunto, por outra, redundarán tamén en beneficio da amplitude de miras e do enriquecemento musical do instrumentista.
O coro ha fomentará, ademais, as relacións humanas entre o alumnado, afeito a unha práctica instrumental individual. Como na execución orquestral, o coro incentivará tanto unha actitude de disciplina como a necesidade de seguir as indicacións da dirección, de xeito que o traballo realizado nos ensaios pode dar os seus froitos no concerto ou na interpretación da versión definitiva dunha obra. A sensación, como integrantes dun corpo colectivo, será tamén moi diferente, xa que o alumnado sentirá a responsabilidade compartida, ao se ver apoiado e, dalgún xeito, protexido polos demais membros cos cal, sen dúbida, xurdirán relacións de compañeirismo e de intercambio.
A historia amósanos como as capelas musicais de catedrais, igrexas e cortes constituíron a mellor escola para formar compositores e instrumentistas ou cantantes. Algúns países da nosa contorna cultural conservaron esta tradición e moitos dos seus músicos máis salientables iniciaron a súa formación deste xeito. A actividade coral permite un achegamento á gran tradición polifónica -particularmente rica no caso do noso país- e, non menos importante, ao riquísimo patrimonio folclórico. Este contraste entre repertorio culto e popular, relixioso e profano, acentúa aínda máis, se cadra, a importancia desta disciplina coral e a necesidade da súa inclusión no currículo das ensinanzas profesionais.
Obxectivos
As ensinanzas de coro dos estudos profesionais de música terán como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:
- Familiarizarse coa linguaxe xestual propio da dirección coral.
- Controlar de xeito consciente o mecanismo respiratorio e a emisión vocal para enriquecer as posibilidades tímbricas e proporcionarlle á voz capacidade de resistencia.
- Utilizar o oído interno como base da afinación, da audición harmónica e da interpretación musical.
- Decatarse da importancia de escoitar o conxunto e de integrarse nel para contribuír á unidade sonora.
- Coñecer a través da práctica coral tanto a música da nosa tradición occidental como a doutras culturas, facendo así patente a súa importancia na formación integral da persoa e afondando no coñecemento dos estilos e dos recursos interpretativos de cada un deles.
- Recoñecer os procesos harmónicos e formais a través do repertorio vocal.
- Ler á primeira vista cun nivel que permita a montaxe fluída das obras. Participar na planificación e na realización en equipo de actividades corais valorando as achegas propias e alleas en función dos obxectivos establecidos, amosando unha actitude flexible e de colaboración, e asumindo responsabilidades no desenvolvemento das tarefas.
Contidos
- Respiración, entoación, articulación e resonancia como elementos básicos da emisión vocal.
- Vocalizacións, entoación de acorde e cadencias para desenvolver o oído harmónico e a afinación.
- Práctica da memoria como elemento reitor da interpretación.
- Desenvolvemento da audición interna como elemento de control da afinación, da calidade vocal e da cor sonora do conxunto.
- Entoación de intervalos consonantes e disonantes en diferentes graos de complexidade para afianzar a afinación.
- Práctica da lectura á vista.
- Análise e interpretación de repertorio de estilo polifónico e contrapuntístico a catro e a máis voces mixtas con ou sen acompañamento instrumental.
- Adquisición progresiva da seguridade persoal no exercicio do canto coral.
- Valoración do silencio como marco da interpretación.
- Interpretación dos textos que favorezan o desenvolvemento da articulación, a velocidade e a precisión rítmica.
- Análise e interpretación de obras de repertorio coral de diferentes épocas e estilos, así como doutros xéneros e outros ámbitos culturais.
Criterios de avaliación
1) Reproducir en cuarteto -ou a correspondente repartición- calquera das obras programadas durante o curso.
2) Mediante este criterio trátase de valorar a seguridade para interpretar a propia parte, xunto coa integración equilibrada no conxunto, así como a capacidade de articular e afinar con corrección.
3) Reproducir calquera das obras programadas durante o curso en conxunto de tres ou máis membros por corda.
4) Este criterio trata de avaliar a capacidade para adecuar todos os elementos da interpretación á eficacia do conxunto e a actitude de colaboración entre os participantes.
5) Repentizar obras homofónicas de pouca ou mediana dificultade, e de claros contornos tonais.
6) Con este criterio preténdese avaliar a capacidade de relacionar a afinación co sentido tonal e a destreza de lectura á vista.
7) Repentizar unha obra polifónica de carácter contrapuntístico de pequena ou mediana dificultade.
8) Trátase de avaliar a capacidade de integración na lóxica do discurso musical a través dos xogos imitativos.
9) Preparar unha obra en grupo, sen a dirección do profesorado. Este criterio trata de valorar a capacidade para aplicar os coñecementos dos elementos que interveñen na interpretación de xeito adecuado co estilo elixido.
10) Entoar acordes a catro voces en estado fundamental a partir do diapasón, ampliando progresivamente a dificultade e variando o son de referencia. Con este criterio trátase de avaliar a capacidade para que cada membro do coro pense nun tempo mínimo o son que lle corresponde e o reproduza de forma afinada.