Dirección Musical

1. INTRODUCIÓN

No presente documento, desenvólvense os obxectivos, contidos e criterios de avaliación a partir do currículo oficial da materia Itinerario de Dirección, integrada no 6º curso do grao profesional, adscrita ao departamento didáctico de Fundamentos de composición, común a todas ás especialidades instrumentais.

Os principios da súa elaboración parten dos coñecementos adquiridos nas materias de Linguaxe musical, Harmonía, Análise, Historia, Educación auditiva e formacións instrumentais ou vocais, procurando unha sólida formación do alumnado de cara aos estudos superiores de Dirección, ademais de Composición, Musicoloxía e Pedagoxía, sen excluir ao alumnado que desexe orientarse á Interpretación.

1.1 Marco Legal

Para a súa elaboración, tivéronse en conta os seguintes documentos legais, clasificados segundo a súa data de publicación, de menor a maior antigüidade:

  • ORDE do 29 de setembro de 2015 pola que se convocan os premios extraordinarios nas ensinanzas artísticas profesionais nas modalidades de música, danza e de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ao curso 2014/15. DOG do 6 de outubro de 2015.

  • DECRETO 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. DOG 21 de de- cembro de 2011.

  • CIRCULAR 15/2011 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa pola que se ditan instrucións para determinados aspectos do funcionamento dos cemtros elementais e profesionais de música e danza.

  • ORDE do 4 de agosto de 2011 pola que se desenvolve o Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento Orgánico dos centros elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 18 de agos- to de 2011.

  • DECRETO 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 19 de xaneiro de 2011.

  • ORDE do 28 de xullo de 2008, pola que se regulan as probas de acceso ás ensinanzas profesionais de música dispostas no Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música. DOG do 18 de agosto de 2008.

  • ORDE do 8 de febreiro de 2008, pola que se regula a avaliación e cualificación do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de música que se establecen na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. DOG do 26 de febreiro de 2008.

  • DECRETO 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música. DOG do 31 de outubro de 2007.

  • CIRCULAR 9/2007 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se ditan instrucións sobre o desenvolvemento das ensinanzas elementais e profesionais de música establecidas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación.

1.2. Obxectivos xerais das ensinanzas musicais

O Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música, indica no artigo 2º que a súa finalidade é proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais da música, ordenándose en catro funcións básicas: formativa, orientadora, profesionalizadora e preparatoria para estudos posteriores.


Esta finalidade acádase ao longo dos seis cursos dos que consta este grao coa consecución dos seguintes obxectivos:

  1. Habituarse a escoitar música e establecer un concepto estético que permita fundamentar e desenvolver os propios criterios interpretativos.
  2. Desenvolver a sensibilidade artística e o criterio estético como fonte de formación e enriquecemento persoal.
  3. Analizar e valorar a calidade da música.
  4. Coñecer os valores da música e optar polos aspectos xurdidos dela máis axeitados para o desenvolvemento persoal.
  5. Participar en actividades de animación musical e cultural que permitan vivir a experiencia de transmitir o gozo da música.
  6. Coñecer e empregar con precisión o vocabulario específico relativo aos conceptos científicos da música.
  7. Coñecer e valorar o patrimonio musical como parte integrante do patrimonio histórico e cultural.
  8. Tomar conciencia da importancia dunha escoita activa como base imprescindible na formación de futuros profesionais.
  9. Fomentar a utilización do patrimonio musical en xeral, e a do galego en particular, como medio indispensable no enriquecemento da persoa e da súa formación musical.

1.3 Obxectivos das ensinanzas profesionais en música

A diferencia do Decreto 198/2007, que establece a ordenación do currículo das ensinanzas elementais, no Decreto 203/2007 de ordenación das ensinanzas pro- fesionais recóllense no artigo 6º os obxectivos específicos destas, que serán desenvolvidos de xeito máis concreto no currículo de cada materia. Estes obxectivos específicos ou capacidades, que deben ser adquiridos polo alumnado do grao profesional en música, son:

  1. Superar con dominio e capacidade crítica os contidos e os obxectivos formulados nas materias que compoñen o currículo da especialidade elixida.
  2. Coñecer os elementos básicos das linguaxes musicais, as súas características, as funcións e as transformacións nos contextos históricos.
  3. Utilizar o oído interno como base da afinación, da audición harmónica e da interpretación musical.
  4. Formar unha imaxe axustada das posibilidades e das características musicais de cada un, tanto a nivel individual como en relación co grupo, coa disposición necesaria para saber integrarse como un membro máis del ou para actuar como responsable do conxunto.
  5. Compartir vivencias musicais de grupo na aula e fóra dela que permitan enriquecer a relación afectiva coa música, a través do canto e da participación instrumental en grupo.
  6. Valorar o corpo e a mente para utilizar con seguridade a técnica e poder concentrarse na audición e na interpretación.
  7. Relacionar e aplicar os coñecementos adquiridos en todas as materias que compoñen o currículo, nas vivencias e nas experiencias propias para acadar unha interpretación artística de calidade.
  8. Coñecer e aplicar as técnicas do instrumento ou da voz de acordo coas exixencias das obras.
  9. Adquirir e demostrar os reflexos necesarios para resolver eventualidades que xurdan na interpretación.
  10. Cultivar a improvisación e a transposición como elementos inherentes á creatividade musical.
  11. Interpretar individualmente ou dentro da agrupación correspondente obras escritas en todas as linguaxes musicais, afondando no coñecemento dos estilos e das épocas, así como nos recursos interpretativos de cada un destes.
  12. Actuar en público con autocontrol, dominio da memoria e capacidade comunicativa.

2. OBXECTIVOS, CONTIDOS E CRITERIOS DE AVALIACIÓN

A materia do itinerario de dirección (iniciación) está orientada a dotar ao alumnado dos coñecementos máis básicos relacionados coa dirección de diferentes agrupacións musicais (orquestras, coros, bandas, big-bands, combos, grupos de cámara, ensembles, etc.). Os seus contidos serán, por tanto, contidos de carácter teórico e práctico que complementarán aos coñecementos adquiridos durante todo o grao profesional así coma outros que serán novos ou introdutorios para a unha posible formación superior (organoloxía, técnica xestual, repertorio básico ou programación musical).

Os elementos curriculares do grao profesional que serviron de base para a elaboración deste documento, pódense consultar no Anexo II do Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música.

2.1 Obxectivos

O ensino do itinerario de dirección terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado das seguintes capacidades:

  1. Coñecer o papel do director dentro da interpretación musical e a súa relación coa obra, o compositor e os intérpretes, así como as principais figuras históricas da dirección musical.
  2. Coñecer a estrutura, características, historia e repertorio das agrupacións musicais máis representativas.
  3. Coñecer e afondar no análise de partituras dende un punto de vista interpretativo nos seus diferentes aspectos (formal, fraseo, agóxica, instrumentación…).
  4. Utilizar as técnicas de análise para detectar posibles problemas técnicos e de ensaio dunha partitura e plantexar solucións viables.
  5. Coñecer as máis efectivas técnicas de estudo e ensaio.
  6. Desenvolver a independencia e control psicomotriz básico e necesario para a dirección.
  7. Capacidade auditiva en todos os seus aspectos, en especial os relacionados coas modulacións, multifonías e acordes, tímbrica e afinación.
  8. Coñecer os principais aspectos técnicos e xestuais da dirección (anacrusa, actividade, pasividade, calderóns, dinámicas…).
  9. Experimentar a planificación e programación musical.
  10. Identificar os procedementos aprendidos a través da audición de obras ou de exercicios escritos.
  11. Utilizar os coñecementos previos da tecnoloxía aplicada á música para desenvolver os procesos interpretativos.
  12. Coñecer os principais instrumentos e as súas posibilidades técnicas.

2.2 Contidos

Para acadar os obxectivos, desenvolveranse actividades que iclúan os contidos:

  1. O papel do director na interpretación musical.
  2. A relación do director coa obra, o compositor e os intérpretes.
  3. Principais directores e escolas de dirención internacionais.
  4. Principais instrumentos e os seus recursos.
  5. Organoloxía básica.
  6. Análise e estudo da partitura.
  7. Técnicas de ensaio.
  8. Técnica xestual básica.
  9. Lateralidades e independencia de mans.
  10. Repertorio e programación musical.
  11. Interdisciplinariedade.

2.3 Criterios de avaliación

As actividades serán presentadas segundo os seguintes criterios:

  1. Amosar interese en cada unha das actividades propostas e a importancia dunha correcta educación auditiva na formación dun director en particular, e de calquera músico en xeral.
  2. Coñecer o papel do director na interpretación musical ao longo da historia e a súa evolución ata a actualidade.
  3. Distinguir e valorar correctamente as principais tarefas do director, así coma a súa relación coa obra, o compositor e os intérpretes.
  4. Coñecer as principais figuras históricas relacionadas coa dirección musical e a súa influencia na actualidade.
  5. Amosar interese de mellora na capacidade crítica en canto a importancia e influencia do director na interpretación músical, e no ámbito musical en xeral.
  6. Amosar interese pola figura do director e a súa influencia na interpretación final, así como no traballo previo.
  7. Coñecer os instrumentos de uso mais habitual na música occidental e as súas características mais importantes.
  8. Coñecer as principais agrupacións musicais ao longo da historia da música e as súas características principais.
  9. Distinguir e valorar correctamente o repertorio mais característico das principais agrupacións instrumentais e vocais.
  10. Apreciar e valorar correctamente as dificultades interpretativas dun determinado repertorio, así coma as posibles solucións técnicas que pode aportar o director.
  11. Coñecer o proceso a seguir na preparación dun novo repertorio.
  12. Analizar de partituras, atendendo aos principais aspectos (autor, estilo, contexto, forma e estrutura, fraseo, agóxica, tímbrica e instrumentación).
  13. Identificar as posibles dificultades técnicas para os músicos e o director dunha partitura.
  14. Coñecer e valorar con capacidade crítica algunhas das máis representativas técnicas de ensaio.
  15. Coñecer e adoptar unha posición correcta na dirección.
  16. Amosar un dominio mínimo nos diferentes xestos traballados na aula e certo grao de independencia entre as dúas mans.
  17. Amosar coñecementos e capacidade técnica mínima para o deseño e defensa dunha programación musical de calidade, coherencia e interese artístico.

3. METODOLOXÍA

A materia impártese en sesións individuais e colectivas, tratando de fomentar a aprendizaxe por experimentación e a interación entre pares mediante un traballo cooperativo e colaborativo onde o profesorado actúa como guía, cunha especial atención á diversidade e un constante seguimento individualizado. As estratexias metodolóxicas adaptaranse á madurez e experiencia do alumnado segundo factores contextuais a partir dos presentados ou descubertos na aula.

3.1 Principios metodolóxicos

Os principios que rixen a elaboración desta programación didáctica son:

  • Actividade: A maioría dos contidos teñen carácter procedimental, polo que se pretende aprender facendo.
  • Autonomía: O alumnado aprenderá a traballar de maneira independente e a tomar decisións por si mesmo, aportando a súa visión individual aínda formando parte dun grupo.
  • Creatividade: Aínda que a musicoloxía sexa unha disciplina que forma parte das ciencias sociais, calquera actividade que realicemos tratará de estimular o pensamento crítico e a imaxinación, procurando que o alumnado non se limite a repetir o que que aparece nun texto ou expresa o profesorado.
  • Individualización: Mesmo se a materia ten unha parte de disposición grupal, será preciso ter en conta a dimensión persoal e afectivo-social do alumnado.
  • Flexibilidade e diversidade de estratexias didácticas: Co fin de acadar os obxectivos propostos, poderanse realizar as adecuacións que foran precisas na temporalización e desenvolvemento dos contidos.
  • Convivencia: As actividades grupais fomentarán un clima de cordialidade e respecto entre as persoas.
  • Significación: Será unha das vías de motivación, presentando o que se aprende como algo útil, cunha aplicación real e próxima.
  • Interdisciplinariedade: Procurarase relacionar a materia con outras do currículo que cursa o alumnado para dotalos dunha maior significación.

3.2 Didáctica

Á hora de decidir os métodos didácticos desta programación didáctica, tivéronse en conta os seguintes enfoques:

  1. Modelo constructivista: O coñecemento é unha construción persoal na que o alumnado elabora significados propios a partir duns coñecementos previos, a través dunha actividade intelectual e práctica.
  2. Aprendizaxe significativa: Relacionado co constructivista, a adquisición de coñecemento realízase construíndo sobre os seus propios esquemas, sumando información sobre a que xa ten, que lle será útil para aplicar noutras situacións.

Durante todo o desenvolvemento da materia, procurarase:

  1. Unha boa actitude do alumnado, facéndolle ver que o que están a experimentar ten sentido, unha finalidade, fomentando un clima adecuado de autoconfianza.
  2. Desenvolver unha estrutura lóxica dentro da materia, enfocando o traballo de maneira globalizadora.
  3. Relacionar as aprendizaxes cos coñecementos previos, de modo que os contidos teñan significatividade psicolóxica.
  4. Amosar a consecuencia da importancia do estudo individual, fomentando a interese e o respecto polo estudo e o hábito do traballo, aprendendo a aprender e xestionar o tempo.

3.3 Atención á diversidade

A diversidade constitúe un valor que enriquece a realidade esixindo, no plano educativo, un especial coidado por parte do profesorado. É un feito que o alumnado que accede a un centro de ensino profesional, presenta diferenzas individuais, non aprendendo ao mesmo ritmo nin coas mesmas capacidades, polo que será labor do profesorado adecuar a práctica docente ás características e necesidades individuais do alumnado.

Para dar resposta á diversidade, desde a materia de itinerario de dirección, teranse en conta as seguintes pautas:

  • Traballar con materiais abertos e flexibles, que permitan plantexar diversas estratexias para o logro dos obxectivos.
  • Ter en conta as diferenzas individuais e de grupo que se detectan na avaliación inicial: intereses do alumnado, contacto previo coas actividades, destrezas e capacidades adquiridas, etc.
  • Procurar orientación externa co centro como mediador, se é preciso.
  • Respectar o ritmo de aprendizaxe do alumnado.
  • Diversificar as actividades para lograr os obxectivos.
  • Plantexar actividades de diferente dificultade e integrar ao alumnado na máis apropiada ao seu nivel.
  • Fomentar a pedagoxía do éxito, valorando os pequenos logros considerando positivamente o seu proceso de aprendizaxe.
  • Potenciar o traballo das actitudes para lograr o respecto de todos.

No caso de non detectar necesidades específicas, as medidas de atención á diversidade non significativas serán as seguintes:

  • Selección do repertorio segundo necesidades, intereses, motivacións, posibilidades…
  • Propostas de reforzo e ampliación, atendendo ao ritmo de aprendizaxe.

De aparecer necesidades específicas de apoio educativo dentro do grupo, as medidas significativas de atención á diversidade reflictiranse nunha adaptación curricular personalizada, en coordinación dentro do departamento didáctico (Fundamentos de composición) seguindo estratexias tales como:

  • Modificación da metodoloxía.
  • Adaptación do material didáctico e repertorio.
  • Proposta de actividades complementarias e de apoio.
  • Maior flexibilidade en canto ao ritmo de traballo.

Tendo en conta que a atención á diversidade constitúe un indicador moi positivo da saúde do sistema educativo, a programación didáctica intentará establecer os instrumentos necesarios, en consonancia cos outros documentos do centro, para lograr unha educación musical comprensiva e de calidade.

4. TEMAS TRANSVERSAIS

Esta programación integra, ademais, elementos transversais que, en relacion coas outras materias do currículo, ofrecen a necesaria oportunidade de reflexionar sobre a verdadeira dimensión da educación.

7.1 Educación en valores

No desenvolvemento da materia, seguiranse as seguintes consignas:

  • Educación ambiental a través da reflexión sobre a ubicuidade da música na sociedade, a concienciación sobre a contaminación acústica, e a importancia do silencio como marco de calquera actividade musical.
  • Educación para a saúde a través da conciencia que a música, polos seus compoñentes afectivos, fisiolóxicos e intelectuais, incide de forma positiva no equilibrio persoal e anímico das persoas.
  • Educación para a igualdade incidindo no papel fundamental da dirección feminista (igualdade de oportunidades).
  • Educación para a Paz e a tolerancia a partir da concepción da música como un fenómeno social multicutural e das relacións que se establezan coas persoas da contorna.
  • Educación para o lecer a partir do concepto produtivo do ocio, a asistencia a concertos, audicións, recitais e outras actividades culturais, ademais de fomentar a escoita de música e a lectura de libros relacionados co traballado na aula.
  • Educación do consumidor tentando que o alumnado adquira unha atitude crítica ante o fenómeno musical, axudando a forxar un criterio á hora de decantarse por diferentes versións, propiciando dese modo un aumento da súa capacidade de elección fronte ao consumo musical.
  • Educación moral e cívica tendo presente o respecto ás normas e a necesidade da súa existencia na elaboración dun programa de concerto e a súa preparación cun colectivo, así como a reflexión sobre o traballo en equipo, incluindo o respecto ao resto do alumnado, profesorado, material da aula, etc.

7.2 Tecnoloxías da información e comunicación (TIC ́s)

Nesta materia, empregaranse as TICs de diversos xeitos:

  • Software de edición de partituras.
  • Audición de material audiovisual.
  • Experimentación con diferentes ferramentes informáticas relacionadas.

7.3 Actividades culturais e de promoción das ensinanzas

Dentro do Proxecto Educativo de Centro (PEC) do centro, ademais das Normas de Organización e Funcionamento (NOF), establécese que as actividades culturais e de promoción das ensinanzas e da utilización da lingua galega clasificaranse como actos institucionais, cursos ou clases maxistrais, conferencias, audicións e outros. O alumnado do Itinerario de Dirección terá o dereito de asistir, aínda que non a obriga, ás actividades organizadas dende o departamento de Fundamentos de Composición, agás aquelas que formen parte do proceso de avaliación.

Para o correcto desenvolvemento destas actividades e facilitar a asistencia do alumnado, establecerase a principio de curso unha planificación co correspondente calendario.

Ademais doutras audicións puntuais ao longo do curso, promoverase o desenvolvemento dun obradoiro, como fin de curso, ofreciendo un concerto especial coa colaboración de cantores e instrumentistas doutros departamentos do centro e participantes puntuais.

Procurarase convidar a impartir cursos, clases maxistrais, conferencias e coloquios, tanto presenciais como on-line, a músicos e personalidades relacionadas co contido da materia así como a asitencia a concertos e actividades organizadas por outras entidades da cidade de Santiago.

Ademais, o centro colaborará con diferentes entidades públicas e privadas promovendo eventos mediáticos de promoción e difusión das ensinanzas do centro, incluindo participación en mostras, certames e concursos así como concertos pedagóxicos para colexios e intercambios con otros centros.

8. SECUENCIACIÓN POR CURSOS

Dado que o itinerario de dirección consta dun único curso, dentro do currículo do grao profesional, os seus obxectivos, contidos e criterios de avaliación desenvolveranse durante todo o curso. Como continuación e complemento opcional, o centro ofrecerá a posibilidade de continuar realizando os niveis posteriores (intermedio e avanzado), rexidos pola súa propia programación didáctica.

8.1 Procedementos e ferramentas de avaliación

Os instrumentos a empregar para avaliar ao alumnado consistirán principalmente no seguimento continuo por medio de:

  1. Diario de clase (asistencia, participación e actitude).
  2. Traballos prácticos individuais.
  3. Traballos prácticos e actividades colectivas (colaborativas e cooperativas).
  4. Asistencia e participación noutras actividades.

A avaliación de cada trimestre obterase tendo en conta todos os aspectos citados. Se a avaliación non chega a ser favorable (obtendo menos dun 5, tras reiteradas faltas de asistencia, ou se o alumnado desexa mellorar a súa cualificación), convocarase unha proba escrita. fixándose unha data/hora así como o seu contido, comincándoa ao alumnado con suficiente antelación.

8.2 Criterios de cualificación

En termos xerais, a avaliación terá un carácter eminentemente formativo co fin de detectar as dificultades no instante en que se produzan e ofrecer medidas de reforzo en calquera momento do curso. Para iso, utilizaranse procedementos e ferramentas variados que permitan valorar o que se quere medir en cada caso, e que serán determinados polo propio profesorado en función da adecuación cos obxectivos.

A cualificación en cada trimestre constará da seguinte distribución:

  1. Asistencia e participación activa na aula: 20 %
  2. Traballos prácticos: 60 %
  3. Proba escrita: 20%

8.3 Medidas de recuperación

No caso que o alumnado non acade os obxectivos mínimos esixibles ou perda o dereito á avaliación continua por acumulación de faltas (máis de 3 ausencias nun mesmo trimestre), será preciso desenvolver os seguintes procedementos:

  1. Ordinario: Plan de traballo específico con actividades de reforzo e de avaliación nos aspectos que precisen mellora.
  2. Extraordinario: Proba práctica e escrita no mes de Setembro.

9. AVALIACIÓN INTERNA DO DEPARTAMENTO

De igual xeito que a avaliación do alumnado, a labor docente require a súa propia avaliación como parte do proceso educativo e a programación didáctica. Será misión do profesorado realizar a análise dos datos obtidos trala avaliación do alumnado para realizar as pertinentes adaptacións ou adecuacións das estratexias metodolóxicas co fin de mellorar a propia aprendizaxe.

Para levar a cabo este proceso, empregarase enquisas de satisfacción do alumnado. Nas reunións do departamento trataranse todos resultados ademais dos que o profesorado considere relevantes,, sen descoidar aspectos como os recursos materiais e persoais para un ensino de calidade, trasladando á Comisión de Coordinación Pedagóxica todo o que se estime oportuno.

10. ANEXOS

10.1 Acceso ao grao profesional

A materia do itinerario de dirección, por formar parte do último curso do grao profesinal, non se contempla no acceso.

10.2 Acceso a outros cursos

Igualmente, esta materia non formará parte das probas de nivel nin promoción ou ampliación de matrícula.