A música é unha arte que en medida parecida á arte dramática necesita esencialmente a presenza dun mediador entre o creador e o público a, que vai destinado o produto artístico: este mediador é o intérprete.
Correspóndelle ao intérprete, nas súas múltiples facetas de instrumentista, cantante, director ou directora, etc., ese traballo de mediación, comezando a problemática do seu labor polo correcto entendemento do texto, un sistema de signos, recollidos na partitura que, malia o seu continuo enriquecemento ao longo dos séculos, padece -e padecerá sempre- de irremediables limitacións para representar o fenómeno musical como algo esencialmente necesitado de recreación, como algo susceptible de ser abordado desde perspectivas subxectivamente diferentes. O feito interpretativo é, por definición, diverso. E non só pola radical incapacidade da grafía para apresar de maneira total unha realidade -o fenómeno sonoro-temporal en que consiste a música- que se sitúa nun plano totalmente distinto ao da escritura, senón, sobre todo, por ese especial xeito de ser da música, linguaxe expresiva por excelencia, linguaxe dos «afectos», como dicían os vellos mestres do XVII e o XVIII, linguaxe das emocións, que poden ser expresadas con tantos acentos diferentes como artistas capacitados se acheguen a ela para descifrar e transmitir a súa mensaxe.
Isto, polo momento, supón a aprendizaxe -que pode ser previo ou simultáneo coa práctica instrumental- do sistema de signos propio da música, que se emprega para fixar, sequera sexa de xeito ás veces aproximativa, os datos esenciais no papel. A tarefa do futuro intérprete consiste, polo tanto, en: aprender a ler correctamente a partitura; penetrar despois, a través da lectura, no sentido do escrito para poder apreciar o seu valor estético, e desenvolver ao propio tempo a destreza necesaria no manexo dun instrumento para que a execución dese texto musical adquira a súa plena dimensión de mensaxe expresivamente significativa para poder transmitir de xeito persuasivo, convincente, a emoción de orde estética que no espírito do intérprete esperta a obra musical cifrada na partitura.
Para acadar estes obxectivos, o instrumentista debe chegar a desenvolver as capacidades específicas que lle permitan alcanzar o máximo dominio das posibilidades de toda orde que lle brinda o instrumento da súa elección, posibilidades que se achan reflectidas na literatura que nos legaron os compositores ao longo dos séculos, toda unha suma de repertorios que, polo demais, non cesa de incrementarse. Ao desenvolvemento desa habilidade, á plena posesión desa destreza no manexo do instrumento é ao que chamamos técnica.
O pleno dominio dos problemas de execución que suscita o repertorio do instrumento é, desde logo, unha tarefa prioritaria para o intérprete, tarefa que, ademais, absorbe un tempo considerable dentro do total de horas dedicadas á súa formación musical global. De todas as maneiras, terase moi en conta que o traballo técnico, representado por esas horas dedicadas á práctica intensiva do instrumento, debe estar sempre ineludiblemente unidos na mente do intérprete á realidade musical á cal se trata de dar canle, eludindo constantemente o perigo de que queden reducidas a unha mera exercitación ximnástica.
Neste sentido, é necesario, por non dicir imprescindible, que o instrumentista aprenda a valorar a importancia que a memoria -o desenvolvemento desa esencial facultade intelectual- ten na súa formación como mero executante e, máis aínda, como intérprete, ata se na súa práctica profesional normal -instrumentista de orquestra, grupo de cámara, etc.-non ten necesidade absoluta de tocar sen axuda da parte escrita. Non é este o lugar de abordar en toda a súa extensión a importancia da función da memoria no desenvolvemento das capacidades do intérprete, pero si de sinalar que á marxe desa básica memoria subconsciente constituída pola inmensa e complexísima rede de accións reflexas, de automatismos, sen os cales a execución instrumental sería simplemente impensable, só se sabe aquilo que se pode recordar en todo momento; a memorización é un excelente auxiliar no estudo, por canto, entre outras vantaxes, pode supoñer un considerable aforro de tempo e permite desentenderse nun certo momento da partitura para centrar toda a atención na correcta solución dos problemas técnicos e nunha realización musical e expresivamente válida; a memoria xoga un papel de primordial importancia na comprensión unitaria, global dunha obra, xa que ao desenvolverse esta no tempo, só a memoria permite reconstituír a coherencia e a unidade do seu devir.
A formación e o desenvolvemento da sensibilidade musical constitúen un proceso continuo, alimentado basicamente polo coñecemento cada vez máis amplo e profundo da literatura musical en xeral e a do seu instrumento en particular. A ese desenvolvemento da sensibilidade contribúen tamén naturalmente os estudos doutras disciplinas teórico-prácticas, así como os coñecementos de orde histórica que lle permitirán ao instrumentista situarse na perspectiva adecuada para que as súas interpretacións sexan estilisticamente correctas.
O traballo sobre esas outras disciplinas, que para o instrumentista se poden considerar complementarias, pero non por iso menos imprescindibles, conduce a unha comprensión plena da música como linguaxe, como medio de comunicación que, en canto que tal, se articula e se constitúe a través dunha sintaxe, duns principios estruturais que, aínda que poden ser aprehendidos polo intérprete a través da vía intuitiva nas etapas iniciais da súa formación, non cobran todo o seu valor máis que cando son plena e conscientemente asimilados e incorporados á bagaxe cultural e profesional do intérprete.
Todo iso lévanos a considerar a formación do instrumentista como unha fronte interdisciplinar de considerable amplitude e que supón un longo proceso formativo no cal xogan un importantísimo papel, por unha banda, o cultivo temperán das facultades puramente físicas e psicomotrices e, por outra, a progresiva maduración persoal, emocional e cultural do futuro intérprete.
Obxectivos
As ensinanzas da guitarra eléctrica dos estudos profesionais de música terán como obxectivo que o alumnado desenvolva as seguintes capacidades:
- Desenvolver no seu conxunto a técnica e as posibilidades sonoras e expresivas do instrumento, así como alcanzar e demostrar a sensibilidade auditiva necesaria para perfeccionar gradualmente a calidade sonora.
- Adquirir as diferentes técnicas para a afinación do instrumento como fase previa para a execución.
- Entender a historia, evolución e características do instrumento en relación cos diferentes xéneros musicais que forman parte da música moderna e o jazz.
- Asimilar os conceptos propios da linguaxe musical e da harmonía, lograr o nivel de lectura necesario para a interpretación de guións, partituras e notacións específicas para guitarra eléctrica, con fluidez.
- Coñecer as características técnicas do instrumento e o seu mantemento, utilizar os accesorios, os efectos, o material de amplificación e de ecualización para a adaptación adecuada a unha situación musical concreta e para investigar na creación de novas sonoridades.
- Aplicar con autonomía progresivamente maior os coñecementos musicais para solucionar por si mesmo os diversos problemas de execución que se poidan presentar relativos a dixitación, fraseo, dinámica.
- Profundar na execución con precisión rítmica e na interiorización do tempo.
- Adquirir e aplicar progresivamente ferramentas e competencias para o desenvolvemento da memoria.
- Desenvolver a capacidade de lectura a primeira vista e aplicar con autonomía progresivamente maior os coñecementos musicais para a improvisación co instrumento.
- Practicar a música de conxunto.
- Interpretar un repertorio que inclúa obras representativas de dificultade adecuada a este nivel.
Contidos
- Contexto histórico, social e cultural da guitarra.
- Análise dos xéneros e intérpretes máis representativos en diferentes formatos gráficos e de audio.
- Comprensión das funcións rítmicas, melódicas e estilísticas inherentes á guitarra.
- Aprendizaxe gradual dos valores rítmicos, compases, armaduras, escaleiras e tonalidades mediante o sistema de posicións.
- Lectura á vista.
- Notación estándar e tabulatura.
- Lectura rítmica, melódica e harmónica.
- Cifrados de acordes.
- Articulacións, dinámicas e estruturas.
- Desenvolvemento da independencia e coordinación das dúas mans de forma progresiva mediante exercitacións mecánicas.
- Técnicas da man dereita con púa e con dedos.
- Técnicas da man esquerda e elementos expresivos.
- Recursos harmónicos e técnicos aplicados ao acompañamento.
- Construción, materiais e partes da guitarra, axuste de pezas.
- Controis de volume e ton.
- Pastillas activas e pasivas.
- Pedais analóxicos e multiefectos dixitais.
- Ecualización e configuración do son nos equipamentos de amplificación.
- Exercitación do quentamento, relaxación, concentración e posición do corpo cara ao instrumento.
- Aplicación dos recursos adquiridos para tocar en grupo.
- Técnicas de acompañamento.
- Aplicación dos recursos e as técnicas propias da improvisación de xeito gradual fomentando o seu uso creativo.
- Ditados rítmicos, melódicos e harmónicos.
- Transcricións de sons.
- Participación e asistencia a exposicións, concertos, jams e seminarios especializados.
- Produción musical, edición de partituras, secuenciación e internet.
Criterios de avaliación
1) Utilizar o esforzo muscular, a respiración e relaxación adecuados ás exixencias da execución instrumental. Con este criterio preténdese avaliar o dominio da coordinación motriz e o equilibrio entre os indispensables esforzos musculares que require a execución instrumental e o grao de relaxación necesaria para evitar tensións que conduzan a unha perda de control na execución.
2) Demostrar o dominio na execución de estudos e obras sen desligar os aspectos técnicos dos musicais. Este criterio avalía a capacidade de relacionar os coñecementos técnicos e teóricos necesarios para alcanzar unha interpretación adecuada.
3) Demostrar sensibilidade auditiva na afinación e no uso das posibilidades sonoras do instrumento. Mediante este criterio preténdese avaliar o coñecemento das características e do funcionamento mecánico do instrumento e a utilización das súas posibilidades.
4) Demostrar capacidade para abordar individualmente o estudo das obras de repertorio. Con este criterio preténdese avaliar a autonomía do alumnado e a súa competencia para emprender o estudo individualizado e a resolución dos problemas que se lle susciten no estudo.
5) Demostrar solvencia na lectura á primeira vista e capacidade progresiva na improvisación sobre o instrumento. Este criterio avalía a competencia progresiva que adquire o alumnado na lectura á primeira vista así como a súa desenvoltura para abordar a improvisación no instrumento aplicando os coñecementos adquiridos.
6) Interpretar obras das distintas épocas e estilos como solista e en grupo. Trátase de avaliar o coñecemento que o alumnado posúe do repertorio do seu instrumento e das súas obras máis representativas, así como o grao de sensibilidade e imaxinación para aplicar os criterios estéticos correspondentes.
7) Interpretar de memoria obras do repertorio solista de acordo cos criterios do estilo correspondente. Mediante este criterio valórase o dominio e a comprensión que o alumnado posúe das obras, así como a capacidade de concentración sobre o resultado sonoro delas.
8) Demostrar a autonomía necesaria para abordar a interpretación dentro das marxes de flexibilidade que permita o texto musical. Este criterio avalía o concepto persoal estilístico e a liberdade de interpretación dentro do respecto ao texto.
9) Mostrar unha autonomía progresivamente maior na resolución de problemas técnicos e interpretativos. Con este criterio quérese comprobar o desenvolvemento que o alumnado alcanzou en canto aos hábitos de estudo e á capacidade de autocrítica.
10) Presentar en público un programa adecuado ao seu nivel demostrando capacidade comunicativa e calidade artística. Mediante este criterio preténdese avaliar a capacidade de autocontrol e grao de madureza da súa personalidade artística.