Historia de la música

Introdución

A historia da música débelle descubrir ao alumnado a existencia dun amplo espectro de estilos e de modos de concibir a creación musical. O currículo debe incluír necesariamente unha materia que permita localizar, comprender, asimilar e comentar con facilidade calquera evento sonoro que estea ao alcance do alumnado. Xa que logo, esta disciplina debe ter un marcado enfoque práctico e utilitario: non se trata, en ningún caso, da simple enumeración de datos, obras, datas e autores que obrigue a realizar un estéril exercicio memorístico. A súa principal finalidade debe ser facerlle comprender ao alumnado que a música vai alén das pezas ou exercicios técnicos afrontados co seu instrumento día a día. Debe presentar un amplo panorama histórico en que teñan cabida os períodos en que, cun criterio máis ou menos convencional, se adoita dividir a historia da música, e abordalos dun xeito crítico, con consciencia de que esta é unha das maneiras de contar a historia, pero non a única posible. Por esta razón convén afondar moi especialmente nas épocas que legaron literatura musical, independentemente da existencia doutras correntes anteriores, máis propias dos estudos especializados de musicoloxía que de interese para o alumnado.

O alumnado debe aprender con claridade as características máis salientables e as circunstancias de toda índole de cada período mediante a audición de obras representativas e o contacto coas fontes existentes. Por iso, terase en conta a previa instrución cultural recibida no ensino obrigatorio, que o profesorado debe aproveitar incidindo na evolución da música como un fenómeno conectado co resto das artes, pola súa vez dependentes dos cambios operados na política, na relixión e na sociedade. O coñecemento dun amplo espectro de estilos acentuará o seu sentido crítico; a práctica de audicións comentadas moldeará o seu gusto e permitiralle unha escoita máis artística e menos técnica; o contacto coas fontes axuda a entender a música como unha manifestación sustentada e dependente doutros factores sociais, e non como unha simple sucesión de notas. O coñecemento adquirido facilita a súa interpretación, xa que a partitura se reviste dunha nova dimensión, o que permite unha perfecta situación temporal, cultural e estilística.

Deste xeito, a materia debe abordar aspectos como os seguintes:

  • Emprego de recursos bibliográficos, ferramentas de procura e consulta, e das fontes musicais que forman, en última instancia, os materiais da historia da música.
  • Fontes manuscritas, xa que a práctica totalidade das obras musicais -coa excepción, quizais, das compostas nos últimos anos-existiron no seu primeiro momento como manuscritos.
  • Fontes impresas, dado que o avance nas técnicas de impresión permitiu que a música alcanzase, a través da imprenta, cotas de difusión que só a internet logrou superar en tempos recentes.
  • Fontes iconográficas, que conteñen unha información vital para o intérprete, silenciada noutro tipo de fontes.
  • Fontes sonoras.
  • Consideración do músico en diversos países e períodos.
  • Evolución da notación musical, considerando o percorrido diacrónico a través das principais notacións da historia.
  • Periodización da historia da música.
  • Relación entre a evolución histórica dos estilos e as transformacións dos instrumentos.
  • Existencia de sonoridades propias de cada período.
  • Interpretación, entendida como a tradución práctica da partitura segundo o estilo, e non como unha simple execución.
  • Aparición, evolución e permanencia das formas e dos xéneros musicais.

Malia a perspectiva eminentemente práctica da materia, que debe perseguir a participación activa do alumnado, a historia da música non debe desligarse, loxicamente, das bases teóricas precisas, baseadas nomeadamente nas fontes históricas. Xa que logo, o alumnado débese familiarizar con escrituras e grafías diferentes das que ten o hábito de manexar, e iniciarse na consulta de documentos, tratados e todo tipo de fontes -escritas, iconográficas, sonoras, etc. -que lle faciliten comprender a música, desde a información e as claves creativas e culturais experimentadas polos propios compositores.

Obxectivos

O ensino da historia da música no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

  1. Adquirir o hábito de escoitar música, tanto en soportes gravados como a través da asistencia aos acontecementos musicais presentes no seu contorno, interesándose por ampliar e diversificar as súas preferencias persoais.
  2. Captar, a través da audición, as características das correntes estéticas, co fin de situar as obras musicais no tempo e recoñecer o seu estilo.
  3. Coñecer e comprender a música de cada época, tendo en conta as relacións cos conceptos estéticos imperantes en cada unha, para poder aplicar as convencións interpretativas ao seu repertorio e desenvolver o seu sentido crítico.
  4. Valorar a importancia da música nas sociedades humanas, a través do coñecemento das relacións establecidas ao longo da historia entre a música e o resto das artes, así como dos feitos históricos e os movementos socioculturais máis salientables de cada época, con intención de obter unha visión máis global do fenómeno musical.
  5. Reflexionar sobre o fenómeno sonoro como un aspecto máis da conduta humana, intimamente conectado co proceso histórico en que se encadra en todos os seus aspectos: económicos, sociais e culturais.

Contidos

  • A música como feito social e cultural. Introdución ás fontes de información histórica e á súa utilización (recursos bibliográficos, fontes escritas, iconográficas, sonoras, etc.).
  • A música na cultura occidental: formas e xéneros musicais, períodos, estilos, compositores, instrumentos, etc.
  • Situación da obra musical no seu contexto social, económico, ideolóxico, histórico e artístico.
  • A evolución da notación.
  • Aproximación á organoloxía e á evolución dos instrumentos como condicionante das posibilidades técnico-interpretativas e da propia composición do repertorio.
  • Aproximación crítica á periodización da historia da música.
  • Planificación e realización de traballos prácticos de aproximación histórica e análise.
  • Comentario de texto literario musical. Audicións analíticas, con ou sen partitura asociada.
  • Análise iconográfica.
  • Interese por ampliar e diversificar os gustos musicais.
  • Actitude aberta e respectuosa ante os gustos e as opinións dos demais.
  • Emprego dun vocabulario técnico e xeral axeitado.

Criterios de avaliación

1) Identificar, a través da audición, obras de diversas épocas e describir as súas características máis salientables. Este criterio avalía a capacidade do alumnado para captar o carácter, o xénero, a estrutura formal e os trazos estilísticos máis importantes das obras escoitadas.

2) Identificar, a través da audición de obras de diversas épocas e estilos, con ou sen partitura, os trazos esenciais dos períodos históricos estilísticos. Mediante este criterio avalíanse os coñecementos do alumnado no relativo á distinción dos estilos e as súas peculiaridades.

3) Comentar, a través da análise, exemplos iconográficos representativos de diversos períodos históricos con situacións musicais. Este criterio avalía a capacidade do alumnado para establecer conclusións de tipo sociolóxico ante fontes de signo visual.

4) Realizar un comentario crítico a partir da audición dunha obra determinada, empregando un léxico axeitado. Este criterio trata de avaliar a capacidade do alumnado á hora de valorar un feito musical concreto desde unha perspectiva persoal.

5) Situar cronoloxicamente e comparar obras musicais de similares características representativas dos principais estilos ou escolas, e sinalar semellanzas e diferenzas entre elas, por medio da audición e/ou a análise. Mediante este criterio preténdese comprobar se o alumnado identifica e sitúa cronoloxicamente os períodos da historia da música, así como se distingue as súas principais características.

6) Relacionar a historia da música coa doutros aspectos da cultura e do pensamento. Este criterio avalía a evolución do pensamento crítico do alumnado, no referente á súa capacidade de valoración das etapas da historia da música, no global, ou de determinados autores ou obras, no particular, dentro do contexto social e cultural en que se produciron.

7) Identificar as circunstancias de todo tipo -políticas, culturais, económicas, ideolóxicas, sociais, artísticas, etc.-que poidan incidir no desenvolvemento evolutivo de cada época, estilo ou autor máis representativos da historia da música occidental. Este criterio avalía a capacidade á hora de analizar a complexidade de circunstancias e intereses que, pola súa importancia, determinan o desenvolvemento musical.

8) Realizar comentarios de texto relativos á materia, sexan históricos, estilísticos ou doutro campo. Este criterio avalía a capacidade do alumnado para captar e describir as ideas plasmadas polo autor, e para relacionalas coas correntes estilísticas dunha época concreta.

9) Realizar un traballo sobre algún aspecto tratado na materia, empregando os recursos dispoñibles de xeito coherente e eficaz, partindo das convencións de presentación do material establecidas. Este criterio valorará en que medida o alumnado é capaz de propor e realizar, en termos aceptables, un traballo individual ou en grupo, que obrigue a manexar as fontes sonoras ou escritas, considerando como máis importante a autenticidade, o rigor e a aplicación das técnicas de investigación aprendidas, e non a relevancia nin a oportunidade da temática.