Idiomas Aplicados al Canto

Introdución

O canto é a única disciplina musical que está indisolublemente ligada a outras disciplinas artísticas a través dun dos medios primordiais de comunicación e expresión: a palabra. O texto está na orixe mesma de toda música cantada, ata o punto de que os comezos da literatura musical deben ir procurarse nos primeiros testemuños que se conservan de cerimonias relixiosas e de lírica popular, que se compuxeron para seren cantadas.

O patrimonio vocal acumulado a partir de tan remotas orixes é dunha incalculable riqueza, que se pode cuantificar partindo do dato de que a música puramente instrumental -cuxo protagonismo se incrementou ao longo dos séculos-ten a súa orixe mesmo na tradición vocal, na necesidade, tan antiga como a música mesma, de acompañar o canto monódico, individual ou plural, e, máis tardiamente, no uso de duplicar as voces no canto polifónico, do que acabará independizándose, dando lugar así a novas e importantísimas formas de arte sonora.

Posto que texto e música están indisolublemente unidos desde a súa orixe na música cantada, a especialidade de canto debe incluír unha materia destinada á aprendizaxe dos principais idiomas que son de uso corrente na música vocal, como o latín, o italiano, o francés, o alemán, o inglés, o ruso, etc., ademais das linguas oficiais do Estado. Antes de transmitir unha mensaxe é preciso comprendela para, a seguir, achegala de xeito intelixible ao suxeito receptor, que neste caso é o oínte, o público en xeral. Xa que logo, temos dunha parte a necesidade ineludible de entender un texto para o poder comunicar con pleno sentido, e doutra parte a obriga non menos perentoria de «dicir» ese texto de xeito correcto en canto á súa articulación, pronuncia e acentuación. A este respecto cómpre sinalar a importancia que algúns fonemas posúen, no relativo á súa específica sonoridade, para provocar certos efectos musicais: a pura sonoridade de certos fonemas pode influír decisivamente na expresión.

Como complemento aos obxectivos puramente prácticos da materia, serán moi convenientes todos os coñecementos adicionais que se poidan adquirir en relación ao idioma e á cultura da cal procede, tales como literatura, arte, etc. Non son coñecementos superfluos, senón que poden ser unha axuda valiosísima á hora de enriquecer unha interpretación.

A aprendizaxe dun idioma aplicado ao canto é algo que debe ir á par dos estudos vocais, afondando sempre de igual xeito en ambas as direccións: o coñecemento do idioma debe acompañar sempre o progresivo dominio da técnica vocal.

Obxectivos

  1. Coñecer ben a fonética dos idiomas de que se trate.
  2. Comprender todo tipo de mensaxes orais e escritas en calquera das linguas usuais no repertorio.
  3. Ler textos escritos dun nivel adecuado á capacidade do alumnado, dándolles o seu cabal sentido e unha adecuada expresión.
  4. Utilizar a lectura de textos para familiarizarse cos rexistros lingüísticos da lingua cotiá e da lingua literaria.
  5. Valorar a importancia da lingua dentro dun texto cantado.
  6. Apreciar a riqueza que supoñen as culturas e as súas linguaxes, concibidas, estas últimas, como outras tantas formas de codificar a experiencia e de facer posibles as relacións interpersoais.

Contidos

  • Comprensión global de mensaxes orais.
  • Reprodución e produción de mensaxes orais.
  • Adestramento das destrezas fonéticas: articulación, emisión correcta, recoñecemento e diferenciación auditiva dos fonemas, pronuncia correcta, aplicación da fonética cantada, coñecemento das regras do sistema fonético-fonolóxico, etc.
  • Utilización do repertorio individualizado para a adquisición e realización automatizada do sistema fonético-fonolóxico.
  • Comprensión global dos textos poético-literarios e coñecemento do seu contexto histórico, cultural e artístico.
  • Análise fonética para diferenciar signos de forma autónoma.

Criterios de avaliación

1) Emitir correctamente breves contidos orais na lingua estudada. Este criterio serve para avaliar a capacidade de comprensión do alumnado no idioma estudado.

2) Ler de xeito autónomo un texto literario musical na lingua estudada. Este criterio pretende valorar a capacidade de relacionar os coñecementos do idioma co contido e tratamento musical.

3) Memorizar textos breves pertencentes a obras musicais. Este criterio avalía a capacidade de comprensión e relación do texto coa obra musical.

4) Transcribir e comentar foneticamente textos de partituras estudadas. Con este criterio preténdese comprobar a capacidade do alumnado para aplicar autonomamente os coñecementos fonéticos na interpretación musical.

5) Cantar de memoria pronunciando axeitadamente o texto das partituras do repertorio do alumnado. Este criterio avalía o dominio do alumnado en relación coas destrezas fonéticas adquiridas.