Lenguaje Musical

Introdución

A adquisición dunha linguaxe é un proceso continuo. Unha vez acadados os obxectivos básicos de escoitar, falar, ler e escribir encontrámonos xa en situación idónea de ir enriquecendo esa linguaxe primaria.

A práctica instrumental que o alumnado realiza neste nivel e a súa actividade de conxunto estano xa poñendo en contacto cunha literatura musical rica, ampla e complexa. A linguaxe musical debe desvelarlle todos os conceptos e facilitarlle a tarefa de realizar, analizar, comprender e aprender canto as obras significan.

O repertorio de obras esténdese ao longo de diferentes épocas e estilos. Os seus materiais de traballo na área da linguaxe deben recoller tamén esta panorámica extensa, non limitando o traballo a exercicios híbridos en canto a estilos, formas e contidos.

A aprendizaxe da harmonía perfílase xa como un horizonte próximo no currículo do alumno e da alumna. Só se achegan unhas sensacións claras e unhas prácticas básicas poderán desenvolver a técnica harmónica sobre uns fundamentos sólidos.

O mundo da composición musical evolucionou cunha sorprendente rapidez desde a primeira vintena deste século. Os elementos rítmicos gañan en protagonismo e as unidades métricas que os conteñen e representan se superpóñense, mestúranse, sucédense nunha constante variación, aparecen novas fórmulas rítmico-métricas, fanse atípicas as ordenacións rítmicas dos compases que poderiamos chamar usuais ou convencionais ou decididamente desaparecen arrastrando tras de si a liña divisoria periódica para deixar paso a unha nova articulación ou acentuación, sen unidade única referencial de pulso.

Todo un mundo, apaixonante pola súa forza cinética, que na medida adaptada ás ensinanzas profesionais debe ser un importante contido dela.

Se o mundo tonal nas súas formulacións básicas constitúe a función primordial da linguaxe musical, non é menos certa a necesidade dunha parte e a obriga doutra de abordar o traballo da linguaxe postonal e atonal, fornecendo o alumnado de cantas ferramentas, técnicas e códigos lle permitan un mellor achegamento e unha maior e mellor comprensión das novas literaturas musicais.

Por outra banda, o coñecemento da linguaxe musical proporciona a comprensión dos elementos e regras que o forman, fornecendo así o alumnado da capacidade de expresarse musicalmente, a través da improvisación, a interpretación ou a creación de pequenas obras. Deste xeito complétase o proceso de adquisición dunha linguaxe. Iso fai que esta ferramenta ao servizo da comunicación, indisolublemente unida ao pensamento, á creación e á expresión do feito musical concreto, estea obrigada a abordar, para ser unha verdadeira ferramenta de comunicación, as linguaxes de cantas músicas sexan demandadas pola sociedade.

O oído, o grande instrumento que o músico nunca pode deixar de traballar, debe ser agora receptor e captador de mensaxes varias, ás veces para a súa comprensión e apreciación, ás veces para a súa posterior escritura.

Este labor non será nunca posible se non se potencia a memoria musical. A música é arte que se desenvolve no tempo e os sons teñen unha presenza efémera. Só a memoria pode axudar a entender retendo, asociando, comparando, establecendo referencias.

Ao lograr unha corrección formal na escritura permitiralles ao alumno e á alumna comunicar as súas ideas ou reproducir as alleas nunha forma intelixible.

Coñecer e recibir quedaría sen sentido se todos os elementos coñecidos non pasan a ser unha capacidade de expresión, o que fai necesario fomentar a improvisación ou a elaboración dos pensamentos musicais do alumnado facendo completo o proceso de recibir e transmitir ineludible na adquisición dunha linguaxe.

Todo este catálogo de accións debe dirixirse a potenciar unhas actitudes de desenvolvemento orgánico nas facultades creativas e analíticas do alumnado, así como a unha procura de rigor no estudo, de respecto e valoración da obra artística e os seus creadores, e a unha capacidade de colaboración e participación en actividades de grupo, baseada tanto na consideración cara a todo o seu contorno físico e humano como no respecto e valoración de si mesmos.

Obxectivos

As ensinanzas de linguaxe musical dos estudos profesionais de música terán como obxectivos contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

  1. Compartir vivencias musicais cos demais elementos do grupo que lle permita enriquecer a súa relación afectiva coa música a través do canto e da participación instrumental en grupo.
  2. Coñecer os elementos da linguaxe musical e a súa evolución histórica, para relacionalos coas obras musicais dentro do seu tempo e a súa circunstancia.
  3. Interpretar correctamente os símbolos gráficos e coñecer os que son propios da linguaxe musical contemporánea.
  4. Utilizar a disociación motriz e auditiva necesarias para executar ou escoitar con independencia desenvolvementos rítmicos ou melódicos simultáneos.
  5. Recoñecer e representar graficamente obras, fragmentos musicais a unha ou dúas voces realizadas con diferentes instrumentos.
  6. Recoñecer, a través da audición e da lectura, estruturas harmónicas básicas.
  7. Utilizar os coñecementos sobre a linguaxe musical para afianzar e desenvolver hábitos de estudo que propicien unha interpretación consciente.
  8. Coñecer os elementos da linguaxe musical relativos ao jazz e á música moderna.

Contidos

Rítmicos.

  • Práctica, identificación e coñecemento de compases orixinados por dous ou máis pulsos desiguais.
  • Coñecemento e práctica de metros irregulares con estruturas fixas ou variables.
  • Polirritmias e polimetrías.
  • Recoñecemento e práctica de grupos de valoración especial con duracións e posicións métricas varias.
  • Práctica de ritmos simultáneos que supoñen divisións distintas da unidade.
  • Práctica de estruturas rítmicas atípicas en compases convencionais.
  • Ritmos aksak, coxos ou de valor engadido.
  • Práctica de música sen compasar.
  • Recoñecemento e práctica de ritmos que caracterizan a música de jazz, pop, etc.
  • Práctica de cambios de compás con unidades iguais ou diferentes e aplicación das equivalencias indicadas.
  • Desenvolvemento de hábitos interpretativos a partir do coñecemento e análise dos elementos rítmicos.
  • Improvisación sobre esquemas rítmicos establecidos ou libres.

Melódico-harmónicos.

  • Práctica auditiva e vocal de estruturas tonais enriquecidas na súa linguaxe por flexións ou modulacións, con recoñecemento analítico do proceso.
  • Práctica auditiva e vocal de obras modais nas súas diversas manifestacións históricas e folclóricas.
  • Práctica de interválica pura (non tonal) e aplicación a obras postonais ou atonais.
  • Recoñecemento auditivo e análise de estruturas tonais e formais non complexas.
  • Improvisación sobre esquemas harmónicos e formais establecidos ou libres.
  • Aplicación vocal ou escrita de baixos harmónicos a obras propostas de dificultade adaptada ao nivel.
  • Desenvolvemento de hábitos interpretativos a partir do coñecemento e análise dos elementos melódico-harmónicos.

Lecto-escritura.

  • Práctica de lectura horizontal de notas cos ritmos escritos e indicacións metronómicas diversas.
  • Lecturas de agrupacións verticais de notas.
  • Coñecemento e práctica das normas de escritura melódica e harmónica.
  • Práctica de lectura de notas, sen clave, aténdose ao debuxo interválico.
  • Práctica de identificación e escritura de notas no seu rexistro correcto.
  • Coñecemento do ámbito sonoro das claves.
  • Iniciación ás grafías contemporáneas.
  • Práctica da lectura a primeira vista.

Audición.

  • Práctica de identificación de elementos rítmicos, melódicos, modulatorios, cadencias, formais, tímbricos e estilísticos nas obras escoitadas.
  • Identificación de erros ou diferenzas entre un fragmento escrito e o escoitado.
  • Práctica da memoria: memorización previa á escritura de frases ou fragmentos progresivamente máis amplos.
  • Escritura de temas coñecidos e memorización en diferentes alturas, tonalidades.
  • Realización escrita de ditados a unha e dúas voces.
  • Identificación de acordes.
  • Audición de obras ou fragmentos nos cales se recoñezan elementos estudados.

Expresión e ornamentación.

  • Coñecemento e aplicación de signos e termos relativos a dinámica e agóxica.
  • Coñecemento e aplicación dos signos que modifican o ataque dos sons.
  • Coñecemento dos signos característicos na escritura dos instrumentos.
  • Coñecemento e aplicación de ornamentos adecuándoos á época da obra interpretada

Criterios de avaliación

1) Manter o pulso durante períodos de silencio prolongados. Este criterio ten por obxectivo avaliar unha correcta interiorización do pulso que permita unha execución correcta, ben individual ou en conxunto.

2) Identificar e executar estruturas rítmicas dunha obra ou fragmento, con ou sen cambio de compás, nun tempo establecido. Con este criterio trátase de avaliar a capacidade do alumnado para encadear diversas fórmulas rítmicas, a aplicación correcta, de ser o caso, de calquera equivalencia se produce cambio de compás e a interiorización aproximada de diversas velocidades metronómicas.

3) Entoar repentizando unha melodía ou canción tonal con ou sen acompañamento, aplicándolle todas as indicacións de carácter expresivo. Este criterio de avaliación ten por obxecto comprobar a capacidade do alumnado para aplicar as súas técnicas de entoación e a xusteza de afinación a un fragmento melódico tonal con alteracións accidentais que poden ou non provocar unha modulación, facéndose consciente das características tonais ou modais do fragmento. Se é acompañado instrumentalmente, este acompañamento non debe reproducir a melodía.

4) Ler internamente, nun tempo breve e sen verificar a súa entoación, un texto musical e reproducilo de memoria. Trátase de comprobar a capacidade do alumnado para imaxinar, reproducir e memorizar imaxes sonoras de carácter melódico a partir da observación da partitura.

5) Identificar ou entoar todo tipo de intervalo melódico. Este criterio de avaliación permite detectar o dominio do intervalo por parte do alumnado como elemento de aplicación a estruturas tonais ou non tonais.

6) Entoar unha obra atonal con ou sen acompañamento, aplicando as indicacións de carácter expresivo. Trátase de avaliar a aplicación artística a unha obra atonal dos coñecementos melódicos e rítmicos adquiridos. O acompañamento, de ser o caso, non reproducirá a melodía.

7) Identificar intervalos harmónicos e escribilos no seu rexistro correcto. Búscase coñecer a capacidade do alumnado para a percepción simultánea de dous sons en diferentes relacións interválicas, así como a identificación das rexións sonoras en que se producen.

8) Reproducir modelos melódicos, escalísticos ou acordais en diferentes alturas. Trátase de comprobar a destreza do alumnado para reproducir un feito melódico a partir de diferentes sons, facéndose consciente das alteracións necesarias para a súa exacta reprodución.

9) Improvisación vocal ou instrumental de melodías dentro dunha tonalidade determinada. Este criterio pretende comprobar o entendemento por parte do alumnado dos conceptos tonais básicos ao facer uso libre dos elementos dunha tonalidade con lóxica tonal e estrutural.

10) Identificar e reproducir por escrito fragmentos musicais escoitados. Con este criterio avalíase a destreza do alumnado para a utilización correcta da grafía musical e a súa capacidade de relacionar o feito musical coa súa representación gráfica.

11) Recoñecer e escribir fragmentos musicais a dúas voces. Preténdese comprobar a percepción e identificación por parte do alumnado de aspectos musicais polifónicos.

12) Recoñecer e escribir fragmentos musicais realizados por dous instrumentos diferentes, excluíndo o piano. Con este criterio preténdese comprobar que a capacidade auditiva do alumnado non sofre distorsión cando recibe a mensaxe a través dun vehículo sonoro diferente ao piano.

13) Recoñecer auditivamente aspectos cadenciais e formais dun fragmento musical. Por medio deste criterio trátase de comprobar a capacidade do alumnado para percibir aspectos sintácticos e estruturais da obra escoitada e denominalos correctamente.

14) Recoñecer auditivamente diferentes timbres instrumentais. Preténdese constatar a familiarización do alumnado cos timbres provenientes doutros instrumentos diferentes do que constitúe a súa especialidade.

15) Recoñecer auditivamente modos de ataque, articulacións, matices e ornamentos dunha obra ou fragmento. Trátase neste caso de comprobar a capacidade de observación do alumnado de aspectos directamente relacionados coa interpretación e expresión musicais.

16) Improvisar vocal ou instrumentalmente sobre un esquema harmónico dado. Este criterio de avaliación vai ordenado a comprobar, dentro do nivel adecuado, a comprensión por parte do alumnado da relación entre harmonía e voces melódicas.

17) Entoar fragmentos memorizados de obras de repertorio seleccionados entre os propostos polo alumnado. Este criterio trata de avaliar o coñecemento das obras de repertorio e a capacidade de memorización.

18) Aplicar libremente ritmos percutidos a un fragmento musical escoitado. Búscase aquí avaliar a capacidade de iniciativa implicando, ademais, o recoñecemento rápido de aspectos rítmicos e expresivos da obra en cuestión.

19) Aplicar baixos harmónicos sinxelos, vocal ou graficamente, a unha obra breve previamente escoitada. Este criterio pretende buscar a asociación melodía-harmonía imaxinando esta desde a melodía escoitada.

20) Situar coa maior aproximación posible a época, o estilo e, de ser o caso, o autor ou a autora dunha obra escoitada. Trátase dunha proposta para fomentar a curiosidade e a atención do alumnado ao escoitar música, facéndose consciente dos carácteres xerais que identifican estilos e autores.

21) Analizar unha obra do seu repertorio instrumental, como situación histórica, autor e características musicais dela: harmónicas, formais, tímbricas, etc. Intenta este criterio potenciar os hábitos do estudo intelixente e rigoroso, facéndose consciente das circunstancias técnicas e sociais que rodean a obra artística.