Introdución
O proceso de ensino e aprendizaxe das diversas especialidades instrumentais ten forzosamente un marcado carácter individual. Por iso o currículo debe albergar materias que transcendan este compoñente unipersoal da práctica musical e introduzan elementos colectivos. A práctica instrumental resulta así entendida non só como a adquisición dunha complexa técnica e a progresiva formación duns criterios musicais propios, senón tamén como unha ferramenta de relación social e de intercambio de ideas entre os propios instrumentistas.
A educación musical non pode nin debe perseguir como única meta a formación de solistas instrumentais stricto sensu; a súa principal misión debe ser ofrecer á sociedade os músicos que esta necesita para poder canalizar aquelas actividades que demanda a comunidade. Neste sentido, a partir do S. XIX a orquestra converteuse, polo seu extenso repertorio e polo seu vasto potencial comunicador, no vehículo de expresión musical por antonomasia. O elevado número de instrumentistas que a integra provoca, en consecuencia, que unha porcentaxe moi alta dos estudantes daqueles instrumentos susceptibles de entrar a formar parte da orquestra (corda, vento e percusión, fundamentalmente) teñan nesta o seu destino profesional máis frecuente e, a miúdo, único.
A práctica indistinta de orquestra ou banda, ou, de ser o caso, o conxunto que corresponda, ten por finalidade facilitar a participación, a través de distintas formacións, de todo o alumnado. Procúrase así unha organización máis flexible do ensino ao mesmo tempo que se permite que determinados instrumentos con dificultades de integración teñan o marco oportuno para a práctica instrumental colectiva. Así pois, a participación nas agrupacións xa sexan instrumentais ou corais supón e garante a presenza activa dos alumnos e das alumnas nunha das actividades que implican maior proxección do centro na sociedade.
A práctica, tanto da orquestra como da banda, constitúe unha materia necesaria para a formación musical e a súa lóxica consecuencia debe ser a inclusión no currículo das ensinanzas profesionais de música de dúas materias, orquestra e banda, e a súa presenza vén xustificada nun dobre sentido. Por unha banda, porque lles ofrecerá aos instrumentistas a experiencia e os coñecementos necesarios relativos ao funcionamento, as regras e a convivencia características da interpretación destas agrupacións. Por outro, porque actuará positivamente sobre todos aqueles instrumentos cuxo nivel os capacite especialmente para tocaren nunha agrupación. Evitará, en suma, que consideren a vida profesional destes músicos como unha opción de segunda fila, acrecentará a súa decantación cara ao inicio dunha determinada opción profesional e facilitará o seu ingreso e a súa adaptación psicolóxica nun corpo social reducido, pero cunhas regras moi definidas e non sempre cómodas ou doadas de cumprir.
Do mesmo xeito que a música de cámara -unha materia que persegue obxectivos dunha natureza similar-, a orquestra, a banda ou o conxunto servirán para sacar o alumnado dun repertorio case sempre caracterizado polas súas dificultades técnicas e pola desigualdade con respecto ao instrumento encargado de acompañalo (a miúdo o piano) e introducilo nun mundo novo, máis igualitario e de natureza máis rica e variada. Así, os xéneros musicais deixarán de ser soamente a sonata, o concerto ou as pezas de virtuosismo, co cal o alumno e a alumna se poderán internar noutras como a sinfonía, o oratorio, o poema sinfónico ou mesmo a ópera. No caso de instrumentos cunha literatura escasa ou con partituras de moi desigual valía musical, estas agrupacións supoñen a posibilidade de internarse nas composicións máis relevantes da historia da música occidental en igualdade de condicións con respecto a instrumentos máis «hexemónicos» (violín, frauta ou trompa, por exemplo), con todo o que iso implica de
enriquecemento na formación musical do alumnado. A convivencia con instrumentos de natureza e técnicas moi diversas, en fin, proporcionaralles tamén ao alumno e á alumna unha visión moito máis ampla do feito musical e enriquecerá o seu coñecemento dos timbres (tanto individual como colectivamente considerados) e das diversas peculiaridades organolóxicas.
As dificultades técnicas ou o mero lucimento do solista darán paso a un repertorio que alberga moitas das mellores páxinas da música occidental e a unha complexa trama de relacións instrumentais nas cales o alumnado se sentirá protagonista destacado. O feito de que sexan varios os instrumentistas encargados de tocar unha soa voz ou parte non ten por que diluír un ápice este protagonismo, que polo feito de ser colectivo non debe implicar unha diminución do perfil desempeñado por cada un dos integrantes da agrupación. Esta é unha suma de individualidades axuntadas pola mente reitora do director ou directora, que deberá saber extraer o mellor daquelas, que en ningún caso deben aspirar a perderse no anonimato, como tampouco sobresaír por encima dos seus compañeiros. A unidade de criterio e a igualdade da execución deberán ser, por iso, as principais metas que se pretendan alcanzar.
A orquestra, a banda e os conxuntos que se formen deben fomentar tamén as relacións humanas entre os alumnos e as alumnas, afeitos case sempre a unha práctica individualista e solitaria dos seus instrumentos. Deben incrementar a actitude de escoita de todo aquilo que rodea a propia execución unipersoal para conseguir aspectos inherentes a toda boa interpretación na agrupación: afinación, empaste, homoxeneidade no fraseo, igualdade nos ataques, claridade nas texturas, etc.
O respecto a todas as indicacións do director ou da directora fomentará unha actitude de disciplina e provocará a necesidade de memorizar estas para que o traballo realizado ao longo dos ensaios dea os seus froitos no concerto. Neste, o alumno ou a alumna poderá experimentar unha sensación moi diferente, xa que serán conscientes de que na práctica de grupo a responsabilidade é compartida. Todo iso redunda, ao final, na introdución desa compoñente de pluralidade que o alumnado deben sentir como un elemento básico da súa formación ao entrar nas ensinanzas profesionais, no que, parafraseando a Goethe, os coñecementos adquiridos deben permitirlle converter a práctica instrumental no seo das agrupacións en «unha conversación entre moitas persoas razoables».
Obxectivos
As ensinanzas de orquestra e banda dos estudos profesionais de música terán como obxectivos contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:
- Afondar no coñecemento dos diferentes estilos e dos recursos interpretativos de cada un deles.
- Elaborar criterios persoais e razoados sobre cuestións estéticas a través do traballo do director ou da directora e da experiencia do grupo que lle permitan cumprir coa súa responsabilidade como intérprete dentro deste.
- Dominar o propio instrumento de acordo coas exixencias de cada obra.
Aplicar en todo momento a audición polifónica para escoitar simultaneamente as diferentes partes ao mesmo tempo que se executa a propia, demostrando a sensibilidade auditiva necesaria para perfeccionar gradualmente a calidade sonora.
- Utilizar unha ampla e variada gama sonora, de maneira que o axuste de son se realice en función dos demais instrumentos do conxunto e das necesidades interpretativas da obra.
- Interpretar obras representativas do repertorio da agrupación de acordo co seu nivel instrumental e reaccionar con precisión ás indicacións do director ou da directora.
- Adquirir e aplicar progresivamente ferramentas e competencias para o desenvolvemento da memoria.
- Desenvolver a capacidade de lectura a primeira vista.
Aplicar con autonomía progresivamente maior os coñecementos musicais para a improvisación co instrumento.
- Respectar as normas que exixe toda actuación en grupo: afinación previa, atención continua, valoración do traballo colectivo, etc., e responsabilizarse en todo momento delas.
- Valorar a práctica en grupo como un proceso de aprendizaxe imprescindible para o futuro exercicio profesional.
Contidos
- Importancia da afinación previa a partir do LA do óboe.
- A anacruse como movemento básico da práctica do grupo.
- Reacción e comprensión ante as diferentes anacruses do director ou da directora.
- Desenvolvemento do oído para o control permanente da afinación dentro da agrupación.
- Desenvolvemento da igualdade en ataques (instrumentos de vento e percusión).
- Desenvolvemento da igualdade nos golpes de arco.
- Coñecemento e valoración das normas de comportamento na agrupación.
- Estudo previo da particella, silencio e concentración para executar en todo momento as indicacións do director ou da directora, responsabilidade de anotar as indicacións, etc.
- Importancia do papel de cada un dos membros da agrupación.
- Traballo por seccións.
- Traballo gradual do repertorio básico máis significativo da agrupación. Valoración do silencio como marco da interpretación.
Criterios de avaliación
1) Interpretar por seccións calquera das obras programadas durante o curso. Mediante este criterio trátase de valorar a capacidade para adecuar o propio son ao da familia correspondente e a precisión de ataques e entradas de acordo coa anacruse do director ou da directora.
2) Reproducir calquera das obras programadas durante o curso, reducindo a corda ao número mínimo posible do alumnado por cada sección dela. Este criterio pretende avaliar a capacidade de escoita das outras partes, unificándose coas afíns, e o grao de afinación harmónica e do conxunto, unificando unísonos.
3) Repentizar unha obra de pequena dificultade. Este criterio pretende comprobar a integración rítmica no conxunto seguindo o tempo marcado polo director ou a directora, a precisión para reaccionar ante as súas indicacións, o dominio do seu instrumento e o grao de afinación na lectura a vista.
4) Estudar na casa as obras correspondentes ao repertorio programado. Mediante este criterio preténdese avaliar o sentido da responsabilidade como membro dun grupo, a valoración que ten do seu papel dentro del e o respecto pola interpretación musical.
5) Realizar concertos públicos coas obras ensaiadas. Este criterio constata a actitude, necesariamente disciplinada do instrumentista na orquestra, a capacidade de asumir o papel asignado, a súa contribución dentro do equilibrio de planos do conxunto e a súa adecuación ao carácter e estilo que marca o director ou a directora.