Introdución
O itinerario de pedagoxía baséase, por unha parte, no afondamento nos principios da educación musical e, por outra, na iniciación á comprensión e ao estudo do proceso didáctico.
Este itinerario posibilítalle ao alumnado o acceso ao coñecemento dos principios que rexen o ensino musical e a súa forma de transmisión. Preténdese, xa que logo, posibilitarlle uns criterios de actuación concretos, partindo do coñecemento e da comprensión dos recursos das principais escolas pedagóxicas.
Este achegamento aos elementos do proceso didáctico, neste momento da súa educación musical, pretende ser de axuda para o seu futuro en relación coa música.
Obxectivos
- Coñecer as escolas pedagóxicas e os seus recursos pedagóxicos no ensino da música.
- Comprender as fases do desenvolvemento evolutivo.
- Coñecer e comprender os principios da psicopedagoxía xeral e a súa aplicación no ensino musical.
- Coñecer os principios do ensino musical nos niveis educativos.
- Recoñecer os elementos do proceso didáctico en xeral, e do modelo proposto pola LOE en particular.
- Deseñar, desenvolver e avaliar unidades didácticas dentro do marco das programacións de aula.
- Valorar as materias e os recursos didácticos propios do ensino da música en Galicia.
Contidos
- As escolas pedagóxicas e os seus recursos aplicados no ensino da música.
- Principios da educación musical.
- Métodos e sistemas actuais da pedagoxía musical.
- Contidos, recursos didácticos e materiais para o ensino da música: instrumentos, libros de texto, cadernos de actividades, medios audiovisuais, etc.
- Orientacións metodolóxicas para o desenvolvemento da actividade na aula atendendo á especialidade ou familia instrumental.
- Técnicas de motivación e estudo.
- Programación e avaliación.
- Teoría do ensino e deseño curricular: concepto de currículo.
- As programacións de aula e as unidades didácticas.
- Compoñentes do deseño curricular: obxectivos, contidos, métodos de ensino, actividades, interacción na aula, aspectos organizativos e avaliación.
- O profesorado como planificador.
- O currículo das ensinanzas musicais en Galicia.
- Obxectivos, contidos e orientacións metodolóxicas.
- O ensino da música noutros niveis educativos.
- Aproximación á didáctica.
- Correntes actuais na didáctica do ensino da música.
Criterios de avaliación
1) Demostrar o coñecemento dos principios pedagóxicos do ensino musical. Este criterio pretende avaliar a capacidade de relacionar os coñecementos técnicos e teóricos necesarios para elaborar unha pedagoxía musical adecuada.
2) Demostrar o coñecemento dos métodos e dos sistemas actuais da pedagoxía musical, así como as súas aplicacións máis frecuentes. Mediante este criterio valórase a comprensión do alumnado en relación cos sistemas musicais e a súa utilización no ensino da música.
3) Expor temas de música, facendo uso de recursos didácticos e materiais de novas tecnoloxías que axuden a desenvolver os contidos de cada tema. Mediante este criterio preténdese avaliar o coñecemento e o desenvolvemento dos recursos e dos materiais educativos tradicionais e actuais, así como as posibilidades que poden ofrecer na pedagoxía musical.
4) Analizar e interpretar obras adecuadas de diversas épocas e estilos co seu instrumento principal, facendo referencia ás orientacións metodolóxicas propias dese instrumento. Trátase de constatar o grao de coñecemento e de madureza do alumnado, así como os seus recursos, para explicar os criterios estéticos correspondentes.
5) Demostrar o coñecemento dos conceptos do currículo, dos elementos básicos e da súa concreción curricular. Este criterio avalía os coñecementos xerais relacionados cos deseños curriculares.
6) Presentar e defender unha programación didáctica para un determinado nivel do seu instrumento principal. Preténdese comprobar se os elementos que forman unha programación didáctica están basicamente comprendidos.
7) Impartir unha clase con referencia a un tema musical delimitado para un determinado nivel das ensinanzas profesionais de música. Con este criterio comprobarase o desenvolvemento que o alumnado alcanzou en canto ao coñecemento do deseño curricular da LOE, a asimilación dos seus obxectivos e a capacidade de entendemento dos conceptos pedagóxicos explicados, así como as súas posibilidades para estruturar unha unidade didáctica.