Piano Complementario

Introdución

A música que nos últimos séculos xurdiu como produto da nosa cultura occidental é esencialmente polifónica (entendendo por polifonía en sentido amplo, non só a escritura estritamente contrapuntística, vocal e/ou instrumental, actual ou de pasadas épocas, senón tamén a música de estilo harmónico que se configura ao longo do século XVIII, que culmina no século XIX e que continuou a súa evolución ata os nosos días dando lugar a novos aspectos ou novas formas do pensamento polifónico). Para calquera músico que non teña como primeiro obxectivo facer unha carreira de intérprete instrumental (para un compositor, un director de orquestra ou de coro, un musicólogo, un cantante, un profesor de teoría ou de instrumento, etc.), a práctica dun instrumento polifónico é un auxiliar valiosísimo, unha ferramenta de traballo de indubidable eficacia, xa que lle ofrecerá a posibilidade de penetrar no tecido dunha partitura polifónica máis ou menos complexa aprehendéndoa globalmente nas súas dimensións vertical e horizontal e converténdoa de inmediato en realidade sonora.

Tamén para os intérpretes que cultiven instrumentos monódicos como os de vento (lingüetas, embocaduras, etc), ou dunha capacidade polifónica limitada como os de arco, a aprendizaxe paralela dun instrumento polifónico resulta ser un medio auxiliar de inestimable utilidade para o mellor coñecemento do repertorio específico do seu propio instrumento, necesitando case sempre na práctica do apoio ou a colaboración máis ou menos estreita dun instrumento polifónico.

Tamén a guitarra, instrumento cunhas posibilidades polifónicas sensiblemente limitadas polo feito de que a man esquerda se vexa reducida á función de fixar a entoación das notas, quedando así privada practicamente de toda outra capacidade de realización, pódese beneficiar deste traballo simultáneo nun instrumento que lle permita o acceso a uns horizontes polifónicos de maior amplitude.

Por último, e iso afecta a xeneralidade dos estudantes de música, o desenvolvemento da audición interna verase favorecido e reforzado mediante a comprobación inmediata no instrumento polifónico de como soa en realidade o que imaxinamos na nosa mente a partir da escritura.

Os instrumentos de gran capacidade polifónica son, por definición, os de teclado: órgano, clavecín e piano, principalmente. Descartando, por razóns obvias, os dous primeiros, o piano aparece como o instrumento idóneo para cubrir esta función complementaria; as razóns que fan del un auxiliar ideal son numerosas. En primeiro lugar está a súa xa indicada capacidade polifónica, que comparte, como se ten dito, cos outros instrumentos de teclado. Hai que sinalar, non obstante, que a presenza de máis dun teclado e de varios rexistros no órgano e o clavecín, ben que supón unha variedade tímbrica que o piano non posúe, constitúe máis ben unha complicación que unha vantaxe para os fins que aquí se perseguen; en contra do órgano xoga tamén a súa escasa dispoñibilidade, e en canto ao clavecín, ademais doutras limitacións, a súa difusión é moito menor que a do piano. En segundo lugar, o piano é un instrumento que ofrece unha aprendizaxe relativamente fácil nos inicios, xa que non padece, a ese

nivel, as limitacións ou as desvantaxes que presentan os instrumentos de corda ou vento (afinación, embocadura, respiración, obtención dun son de entoación e calidade razoablemente aceptable, etc.). En canto á amplitude do rexistro, o piano é, para efectos prácticos, equiparable á orquestra sinfónica, e case outro tanto cabe dicir no que se refire á súa riqueza dinámica. Rapidez na emisión do son e axilidade sen máis límite que os que impoña a propia habilidade do executante, son outras calidades valiosas do piano. Por último, fala no seu favor a inmensa difusión no mundo musical de hoxe en día.

Ata o momento actual, o piano estivo presente como materia obrigatoria en certas carreiras musicais, para as cales se exixía, polo menos, o grao elemental do devandito instrumento. Nestes casos, o nivel de exixencia en canto á capacidade técnico-interpretativa foi sempre o mesmo para pianistas e para non-pianistas, e en nada se diferenciaba a metodoloxía a seguir nuns e noutros casos. Por outra parte, esa obrigatoriedade do piano non consideraba a posible necesidade de que del puidesen ter noutros instrumentistas, senón que se refería soamente a compositores, directores, musicólogos, cantantes, etc.

O ensino do piano complementario non se orientará tanto cara ao desenvolvemento dunha gran capacidade técnica como a potenciar outros aspectos, xa sinalados antes, tales como percepción global da polifonía, audición interna, habilidade na lectura a primeira vista (incluída unha posible simplificación rápida do escrito, na partitura, etc). Por suposto, convén ter moi en conta que a capacidade de realización ao teclado estará sempre condicionada polo grao de dominio alcanzado na técnica do instrumento, pero é evidente que, neste sentido, os niveis que se fixen teñen que estar por debaixo dos que se lle exixen normalmente ao pianista se non se quere interferir gravosamente no que para cada estudante supoña a finalidade principal do seu traballo. Desta maneira poderá cumprir o piano unha desexable e conveniente función complementaria na educación de todo profesional da música.

Obxectivos

O ensino do piano complementario no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

  1. Coñecer as distintas posibilidades do instrumento.
  2. Adquirir un grao de destreza na execución que permita desenvolverse coa maior soltura posible no teclado, enfrontándose á dificultade dun certo nivel.
  3. Alcanzar progresivamente rapidez de reflexos na lectura á primeira vista.
  4. Ler con fluidez partituras polifónicas, con plena comprensión das súas formulacións harmónicas así como dos seus aspectos lineais ou contrapuntísticos.

Contidos

  • Desenvolvemento da percepción interna da propia relaxación, ligada a un principio de utilización consciente do peso do brazo.
  • Planificación do traballo da técnica tendo en conta a unidade profunda dos factores que a determinan.
  • Desenvolvemento da técnica dixital (independencia, velocidade, forza e resistencia nos movementos de articulación dos dedos e desenvolvemento da técnica braquial, caída e lanzamentos de antebrazo e brazo, movementos de rotación e circulares da man e pulso, desprazamentos laterais, etc).
  • Principios de dixitación pianística.
  • Práctica dos diversos modos de pulsación ou ataques posibles, en función sempre da dinámica, o fraseo e o sentido musical xeral do fragmento de que se trate.
  • Desenvolvemento dunha técnica polifónica básica.
  • Coñecemento dos pedais e das súas funcións.
  • Práctica intensiva da lectura a primeira vista.
  • Lectura harmónica (lectura de acordes, series de acordes enlazados, acordes despregados en toda a súa variedade de presentacións posibles, tales como fórmulas do tipo baixo de Alberti, acordes partidos, despregados de diversas maneiras, arpexados, etc.) e lectura contrapuntística, estritamente lineal, a dúas e incluso a tres voces.
  • Estudos de obras do repertorio pianístico de dificultade progresiva, prestando especial atención a todo aquel material de traballo que contribúa de maneira especial á capacidade de aprender e de realizar de forma inmediata no teclado a escritura polifónica, posto que niso reside a utilidade esencial da disciplina.

Criterios de avaliación

1) Ler textos a primeira vista. Este criterio de avaliación pretende constatar a capacidade do alumnado para desenvolverse con certo grao de autonomía na lectura dun texto instrumental.

2) Mostrar nos estudos e obras a capacidade de aprendizaxe progresiva individual. Este criterio de avaliación pretende verificar que o alumnado é capaz de aplicar no seu estudo as indicacións do profesorado e, con elas, desenvolver unha autonomía de traballo que lle permita unha certa valoración do seu rendemento.

3) Interpretar obras de acordo cos criterios de estilo correspondentes. Este criterio de avaliación pretende comprobar a capacidade do alumnado para utilizar o tempo, a articulación e a dinámica como elementos básicos da interpretación.

4) Actuar como membro dun grupo e manifestar a capacidade de tocar ou cantar ao mesmo tempo que escoita e se adapta ao resto dos instrumentos ou voces. Este criterio de avaliación presta atención á capacidade do alumnado de adaptarse musical e sonoramente aos seus compañeiros para realizar un traballo común.

5) Chegar a través da análise á estrutura harmónica interna dun fragmento de partitura para teclado. Mediante este criterio poderase avaliar a capacidade do alumnado para utilizar a análise como medio para achar a estrutura harmónica subxacente nun fragmento de música, e determinar os diferentes tratamentos a que foi sometida polo compositor ou compositora para a realización da obra.

6) Redución harmónica dun fragmento sinxelo de música escrita para un instrumento polifónico. Mediante este criterio poderanse avaliar os coñecementos analíticos do alumnado no referente á identificación das estruturas harmónicas básicas, mediante un exercicio de lectura baseado principalmente na eliminación de todo o que non sexa esencial desde o punto de vista das devanditas estruturas.

7) Lectura simplificada de obras ou fragmentos con disposicións harmónicas tipicamente pianísticas (arpexos, etc). Mediante este criterio poderase avaliar a capacidade de síntese do alumnado e a súa rapidez na realización de pasaxes harmónicas simples, pero de execución relativamente complicada.

8) Repentización dunha partitura participando dentro dun grupo de instrumentos ou no acompañamento a un solista. Trátase de avaliar o grao de desenvolvemento dos reflexos e demais calidades que son estimuladas no alumnado a través da lectura improvisada formando parte dun grupo de instrumentistas ou no acompañamento a un solista vocal e instrumental.