Repentización y acompañamiento

Introdución

A práctica musical que se realiza baixo o nome de acompañamento caracterízase pola necesidade de relacionar capacidades, coñecementos e destrezas que, por si mesmas, constitúen ámbitos de saberes propios.

O sentido e valor educativo desta disciplina deriva da conveniencia de globalizar os diversos compoñentes que a integran (improvisación, lectura á vista, realización de cifrados, transposición, etc.) por seren comúns, todos eles, á función de acompañar, sen esquecer por iso a experiencia que achega cada un dos devanditos compoñentes por si mesmo. Ambos os aspectos, o funcional e o formativo, son indisociables e complementarios.

Xa que logo, nos contidos básicos desta disciplina débeselles conceder un lugar prioritario aos procedementos ou modos de saber facer que, aínda que resultan de natureza diversa, se articulan ao redor de tres eixes principais: unha certa destreza na técnica de execución, ou, o que vén ser o mesmo, un certo grao de desenvolvemento dos mecanismos reflexos que a determina, adquirida mediante a práctica diaria ao longo dos anos iniciais da educación instrumental e que a repentización e o acompañamento veñen potenciar; plena comprensión dos coñecementos harmónicos previamente adquiridos e a capacidade creativa para desenvolvelos e aplicalos en situacións diversas.

Posto que o obxectivo principal desta disciplina consiste nun proceso práctico de consolidación do pensamento harmónico e da capacidade de realización en tempo real, o conxunto de coñecementos que a integran debe estar relacionado a través dun enfoque pedagóxico común, aínda que na práctica deba ser desagregado en diversos bloques.

Inclúense dentro dos bloques de contidos os seguintes campos de coñecementos:

  • Estudo da improvisación como elemento de formación que capacite, a través da práctica de fórmulas específicas, para elaborar acompañamentos a melodías, así como para construír pequenas pezas musicais que permitan, por medio de ambos os dous procedementos, obter un primeiro contacto coa improvisación propiamente dita, cuxo estudo en profundidade se poderá abordar dentro do grao superior.
  • Práctica da repentización como procedemento imprescindible para desenvolver automatismos que lle permitan ao instrumentista a realización instantánea do texto musical, asimilando ao propio tempo e de forma inmediata as súas características en canto á época e ao estilo a que pertenza. Polo tanto, non se trata soamente de incrementar a capacidade de automatismo e velocidade na lectura do texto, senón de comprender o sentido dos seus elementos esenciais e interpretalos no instrumento a medida que se le a obra. Por iso, a repentización está estreitamente relacionada coa análise, o que, á vez, depende de toda unha serie de coñecementos teórico-prácticos previamente adquiridos.
  • Destreza na transposición como mecanismo que permite adecuar a tonalidade á tesitura do solista -fundamentalmente na música vocal-, facilita a lectura de partituras de orquestra e, ademais do seu valor funcional, posúe un alto valor formativo que procede, por unha parte, do dominio dos procedementos tradicionais (cambio de claves e armadura, cálculo do número de diferenzas) e, por outra parte, do enfoque sintético que achega a lectura harmónica, grazas ao cal, a estrutura interna dun fragmento musical pode ser interpretada en calquera tonalidade.
  • Realización de cifrados (baixos cifrados, cifrado americano, cifrado funcional), como práctica de acompañamento a unha melodía. Esta práctica permite relacionar de forma inmediata os coñecementos harmónicos coa súa aplicación instrumental e, por exixir un certo grao de creatividade, supón ademais, como se dixo anteriormente, un contacto preliminar á improvisación, cuxo estudo en profundidade se poderá abordar dentro do grao superior.

Os contidos da repentización e acompañamento no grao profesional foron establecidos non só polo seu valor de preparación para coñecementos que se poidan adquirir en cursos posteriores dentro dunha elección propia de especialización profesional, senón tamén polo valor intrínseco que representan na formación dun instrumentista. Por esta última razón, mantéñense dentro do marco de coñecementos considerados indispensables para satisfacer as necesidades habituais do instrumento.

Obxectivos

O ensino da repentización e acompañamento no grao profesional terá como obxectivo contribuír a desenvolver no alumnado as capacidades seguintes:

  1. Recoñecer a estrutura harmónica e o fraseo dunha obra ou fragmento segundo se toca á primeira vista ou despois dunha lectura rápida sen instrumento.
  2. Coñecer, como esquemas de pensamento, os elementos e procedementos harmónicos e fraseolóxicos básicos do sistema tonal.
  3. Improvisar unidades formais a partir dun esquema harmónico dado, así como o acompañamento a unha melodía a partir ou non dun baixo cifrado.
  4. Coñecer a disposición formal de obras de factura clara, analizando as súas seccións, puntos de tensión, etc., para determinar os aspectos esenciais e posibilitar a lectura á primeira vista.
  5. Demostrar os reflexos necesarios para resolver, no momento, as posibles eventualidades que poidan xurdir na interpretación.
  6. Valorar a improvisación como unha práctica que desenvolve a creatividade e a imaxinación musical.
  7. Empregar a lectura á vista e a transposición como desenvolvemento formativo de capacidades e reflexos.
  8. Coñecer e utilizar diferentes tipos de cifrado.

Contidos

Improvisación.

  • Exercicios cunha harmonía única e con variantes rítmicas de progresiva dificultade.
  • Estruturas harmónicas básicas elaborando frases, breves fragmentos e pequenas pezas.
  • Estruturas rítmicas básicas: descrición da estrutura rítmica e realización de estruturas rítmicas de acompañamento e de solista.
  • Análise de frases-modelo de diferentes tipos.
  • Subdivisión interna da frase.
  • Proceso pregunta-resposta de acordo coas estruturas harmónicas.

Repentización.

  • A lectura á primeira vista e a súa aplicación práctica.
  • Introdución á lectura harmónica.
  • Análise harmónico-formal, melódico-rítmica aplicada á repentización.
  • Memorización da estrutura harmónica previa á lectura de fragmentos curtos.
  • Lectura harmónica de partituras do ámbito tonal.
  • Interpretación dos elementos substanciais derivados da análise.
  • Repentización de partituras de diferentes estilos e épocas.
  • Repentización con carácter de acompañante ou non.
  • Práctica do piano a catro mans.

Transposición.

  • O transporte na música actual.
  • O transporte como desenvolvemento formativo de capacidades e reflexos.
  • Transporte harmónico e a súa aplicación a instrumentos polifónicos.
  • Técnica e mecánica tradicional do transporte: claves, armaduras, diferenzas, etc., e a súa utilidade.
  • Os instrumentos transpositores.
  • Lectura e transporte harmónico de partituras.
  • Transporte de fragmentos breves a calquera tonalidade.

Baixo cifrado.

  • Aproximación ao cifrado harmónico.
  • Utilización e significado dos cifrados correspondentes a tríades e sétimas na harmonía tonal.
  • Desenvolvemento improvisado de estruturas harmónicas.
  • Introdución ao cifrado americano.
  • Utilización e significado dos cifrados básicos máis habituais na música lixeira.
  • Realización de cancións de repertorio con ritmos variados e harmonías sinxelas.

Criterios de avaliación

1) Chegar a través da análise á estrutura harmónica interna dun fragmento de partitura para teclado.-Mediante este criterio poderase avaliar a capacidade do alumnado para utilizar a análise como medio para achar a estrutura harmónica subxacente nun fragmento de música e determinar os diferentes tratamentos a que esta foi sometida polo compositor para a realización da obra.

2) Realización práctica de estruturas de catro ou oito compases, semicadencial ou de cadencia perfecta.-Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para realizar de forma instrumental esquemas harmónicos cadenciais de duración breve empregando acordes en estado fundamental e partindo, como modelo de traballo, da análise de fragmentos tomados de partituras dos períodos clásico e romántico, nos cales os devanditos esquemas eran paradigmáticos.

3) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases empregando inversións dos acordes básicos.-Mediante este criterio poderase avaliar a capacidade do alumnado para realizar de forma instrumental, a partir da análise de fragmentos tomados de partituras dos períodos clásico e romántico, esquemas harmónicos en que se poida apreciar a súa progresiva asimilación das posibilidades expresivas das distintas inversións dos acordes empregados.

4) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases, empregando inversións dos acordes básicos, utilizando diferentes formulacións rítmicas.-A finalidade deste criterio é avaliar a habilidade do alumnado para desenvolver, a través de diferentes realizacións rítmicas, esquemas harmónicos nos cales se empreguen inversións dos acordes básicos, así como avaliar o grao de mecanización da súa comprensión teórica e práctica.

5) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases introducindo apoios e retardos.-Con este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado para enriquecer a realización dos diferentes esquemas harmónicos por medio da introdución de apoios e retardos, dado o seu alto contido harmónico.

6) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases introducindo apoios e retardos, utilizando diferentes formulacións rítmicas.-Con este criterio poderase avaliar a habilidade do alumnado para desenvolver, a través de diferentes realizacións rítmicas, esquemas harmónicos nos cales se introduzan apoios e retardos que modifiquen, enriquecéndoa, a estrutura básica, dado o seu alto significado harmónico, así como avaliar o grao de mecanización da súa comprensión teórica e práctica.

7) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases, introducindo dominantes secundarias ou de paso.-Mediante este criterio poderá avaliarse a capacidade do alumnado para realizar estruturas harmónicas evolucionadas, por medio da introdución de dominantes secundarias ou de paso que enriquezan e amplíen o seu campo tonal.

8) Realización práctica de estruturas harmónicas de catro ou oito compases, introducindo dominantes secundarias ou de paso, e utilizando diferentes formulacións rítmicas.-Mediante este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado para desenvolver, a través de diferentes realizacións rítmicas, esquemas harmónicos dunha proposta tonal enriquecida mediante a introdución de dominantes secundarias ou de paso, así como avaliar o grao de mecanización da súa comprensión teórica e práctica.

9) Superposición, a unha estrutura harmónica de catro ou oito compases, dunha estrutura melódica de acordo cos principios xerais de pregunta-resposta.-Este criterio pretende avaliar a capacidade do alumnado para crear, a partir de esquemas harmónicos dados, diferentes estruturas melódicas consecuentes a estes, así como a súa habilidade para organizar de forma lóxica o fraseo resultante, a través do emprego de elementos e procedementos que se poidan organizar en forma de pregunta-resposta.

10) Transposición a distintos intervalos dunha estrutura harmónica de oito compases sen que se inclúan inversións de acordes.-Trátase de avaliar o grao de adquisición por parte do alumnado do dominio por igual de todas as tonalidades, non tanto por medio da complexidade resultante dun transporte nota-a-nota, coa conseguinte lectura en diferentes claves e armaduras, como da transposición a distintos intervalos de diferentes estruturas harmónicas, idénticas en todas elas.

11) Realización no instrumento dunha estrutura harmónica de oito compases, previamente escrita, nunha tonalidade concreta.-Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para interpretar unha estrutura harmónica previamente composta e escrita por el mesmo, así como avaliar o grao de adquisición dunha técnica básica, tanto escrita como práctica.

12) Lectura harmónica dun fragmento sinxelo de partitura para teclado.-Mediante este criterio poderanse avaliar os coñecementos analíticos do alumnado no referente á identificación das estruturas harmónicas básicas, mediante un exercicio de lectura baseado principalmente na eliminación de todo o que non sexa esencial desde o punto de vista das devanditas estruturas.

13) Repentización dunha partitura participando dentro dun grupo de instrumentos como música de cámara ou acompañante. Práctica do piano a catro mans.-Trátase de avaliar o grao de desenvolvemento dos reflexos e demais calidades que son estimuladas no alumnado a través da lectura improvisada formando parte dun grupo de instrumentistas.

14) Realización, cun ritmo básico, dos acordes sinalados na partitura dunha canción de música lixeira elixida previamente, na cal só aparezan a melodía e o cifrado americano.-Mediante este criterio de avaliación trátase de avaliar o grao de desenvolvemento no alumnado da capacidade para dar forma instrumental a través da descodificación do cifrado da súa harmonización, segundo sistema americano, así como o coñecemento deste e a soltura no seu manexo.

15) Realización, cun ritmo básico e incluíndo a melodía, dos acordes sinalados na partitura dunha canción de música lixeira elixida previamente, na cal só aparezan a melodía e o cifrado americano.-Mediante este criterio trátase de avaliar a capacidade do alumnado non só na elaboración dun acompañamento a partir da descodificación dun cifrado de tipo americano, senón tamén de executar a melodía de forma simultánea.

16) Lectura de corais a catro claves.-Mediante este criterio de avaliación trátase de valorar o grao de desenvolvemento no alumnado da capacidade para ler en varias claves simultaneamente, práctica propedéutica para a lectura de cuartetos e outras formacións camerísticas así como de partituras orquestrais.

17) Lectura de cuartetos de corda, especialmente, e doutras formacións de música de cámara. -Mediante este criterio de avaliación preténdese valorar a destreza do alumno para ler partituras camerísticas adaptándoas ás peculiaridades e características propias do piano.

18) Iniciación na lectura de partituras orquestrais.-Mediante este criterio de avaliación preténdese valorar a capacidade do alumno e alumna para leren fragmentos de partituras sinxelas de orquestra nas cales interveña un ou varios instrumentos transpositores, adaptándoas ás peculiaridades e características propias do instrumento.